Opinión

Bolsas de roupa

HAI UNS TRASNOS baixo a miña cama. Supoño que son trasnos porque nunca os vin. Unicamente coñezo os seus efectos. Polas noites tecen, cosen, curtan e cosen roupas que se amorean debaixo de onde durmimos. Eu nunca me ergo á mesma altura á que me deito. Saio da cama dando un saltiño porque a roupa que apareceu durante a madrugada levantou o somier.

O sono de Franco nunca se viu alterado por durmir co brazo de Santa Teresa, pero a min desacougame pensar que hai seres vivos traballando debaixo de min mentres durmo.

A miña muller vai quitando esa roupa inesperada que se nos presenta no dormitorio cada mañá para gardala en bolsas. Onte meteu todas no coche, meteume a min no Ford Focus, deume as chaves e mandoume conducir coa encarga de deixar a roupa na casa de Ribadeo.

Pasando por Castro cadroume que había feira. Parei onda un pulpeiro, entre un posto de embutidos e outro de modelaxe interior, suxeitadores e calcetíns. Abrín o maleteiro do coche e empecei a vocear que tiña "roupa de ensoño". Logo apareceu un policía local, deses tristes que fan máis vida sobre a bicicleta que andando. Explicoume que non podía vender sen permiso municipal. Educadamente.

Seguín camiño a Ribadeo. Houbo sorte porque diante do Teatro atopei un empresario. De verdade. Segismundo García levantou Sargadelos da lona. Isaac era un artista xenial, capaz de inventarse unha cerámica preciosa, pero non sabía que facer con ela. Consultei a Segis sobre o negocio textil. Explicoume que hai dous tipos de empresas: as que traballan para o Boletín Oficial do Estado e as que traballan por si mesmas. De volta para Lugo, ás seis da tarde, o pulpeiro de Castro aínda estaba servindo cafés.

Comentarios