sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Un boi para María Patiño

O HERDEIRO xoga a voleibol. Cando vou levalo adestrar recollemos dous compañeiros do equipo. Son igual de quinceañeiros, igual de altos e igual de delgados. De todas esas características conservo unha certa estatura, pero xa se vai curvando cara á Terra; así que vou deixar de compararme. Imos no Renault Clío cara a un pavillón de Frigsa. En silencio. Os tres manteñen conversas telepáticas cos seus móbiles e peitean o pelo toda a viaxe molestos porque lles toca no teito do coche. Pregúntolles pola música que escoitan. Intento estar ao día, pero todo o lonxe que chego é a Bad Gyal e a C. Tangana. A primeira falsea a voz cun ordenador, Tangana canta pezas que gustarían ao meu pai. A vangarda da arte máis avanzada agora é debuxar a lapis sobre papel.

Os tres tenores fálanme no coche sobre rapeiros un pouco maiores ca eles, duns vinte anos. Póñenme cancións. As letras profundizan nos temas clásicos da mocidade: as drogas, o sexo e o desamor. Aristófanes queixábase no teatro grego do século V a. de C. de que "os rapaces non queren arar a terra ou conducir o gando, so montar a cabalo e estar con mozas". A diferenza é que os artistas de rap levan a gorra revirada e axitan os brazos cara adiante como explicándoche verdades.

Os tres tenores queren ser Deus, o único digno que se pode intentar con 15 anos. Pasada esa idade, estudas Periodismo e aspiras a levantar unha pasta por comentar o auto sacramental de Rocío Carrasco. Os alumnos da nova promoción da USC pediron a ferrolá María Patiño que fose a súa madriña. Os aristócratas das cátedras e as columnas de prensa acúsannos de frívolos. Comprendo aos estudantes. Que podes soñar cando asumes que non chegarás a Zeus? Todo está en Aristófanes: "Levarei a deusa creada por min ao templo e sacrificareille un boi".

Un boi para María Patiño
comentarios