miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Ao fondo do bosque

VISTE CHÁNDAL. É delgada, coma os presentadores que se ven no televisor despois de cear. Camiña soa. Nunca se detén falar con ninguén. Tira suavemente por un carro da compra de cadros verdes e azuis. Unha noite fun tras dela a distancia. Valoreime máis a miña curiosidade que a intranquilidade que podía causarlle. Non podía volver á miña casa con toda a carga de non saber onde se dirixía. Camiñou uns dez minutos, cruzou no semáforo de San Fernando e despois parou diante das reixas que vixilan o Museo Provincial. Abriu o carro da compra. Quitou un saco no que se vía a foto dun gato digno e lustroso que podería ser o Rei do Siam. Daquela comprendín todo e marchei máis lixeiro.

Eu medrei na Galicia Profunda, a un quilómetro de Ribadeo. Era un grupo de vivendas brancas e de pizarra ao pé do Laboral, onde vivían as familias dos profesores. O meu barrio era o reino dos gatos. Daquela habría catro casas e 27 michos. Félix fixera o censo. O seu pai daba clase de Bioloxía. Abríralles unha ficha co nome e un debuxo de cada un. O meu irmán Francis puxo nomes de personaxes de Star Treck aos sete michos que nos tocaban pola casa.

Os gatos dábanme medo polas noites. Eu estaba na cama escura, en silencio, e eles choraban coma moisés abandonados no profundo do bosque. Outros berraban de dor porque se meteran nunha pelexa, habituais coma no bar dunha mina.

Outro gato deixou cego a Capitán Titanius. O combate fóra feroz. Había restos de sangue na aira da casa de Primitiva. Roubabamos sardiñas na cociña da miña nai para levarllas a un curruncho da fraga no que se metera. Chorámolo dúas semanas. Capitán Titanius, o Emperador dos Gatos, o noso líder.

Ao fondo do bosque
comentarios