Opinión

Antes

FUN Á DENTISTA. Antes, cando ía ao dentista, pensaba nas tuneladoras e nos aspersores que se usaron para construír a Canle da Mancha. Majo é coidadosa ata o extremo.

Entre a anestesia e as gafas laranxas de esquiar que me puxo quedei durmido. Soñei coas tías de Abascal. Toman wishkey con xamón mentres rezan o Ánxelus. A dentadura quedoume gastada de sorrír cando era rapaz. Antes era verán durante todo o ano. Houbo un agosto no que coñecín a Manuel Menéndez en Foz. Antes el facía uns castelos de area sólidos e perfilados. Os meus parecían tortas nupciais para recén divorciados, por iso non voto a Vox. Manuel acabou sendo dentista. Ten consulta na avenida da Coruña. As tías de Abascal non se divorciarían. Antes tomarían café coas amantes dos maridos para falar mal deles e levar a razón.


Manuel chamábame o Cordobés porque antes eu sorría todo o tempo. Manuel é cariñoso, pese a que milita en Vox, un partido de persoas traumatizadas pola perda. Antes había unha España feliz. Levábana gardada nun sobre marrón no peto máis cercano ao corazón. Sánchez llela roubou. As tías de Abascal pronuncian os participios en -ado, como se facía antes. Din pasado, non pasao.


Manuel vive en Lugo. Vímonos unha vez. Foi no Hula, unha noite horrible en que Trump gañou as eleccións e a miña filla se puxo en risco de morrer. Antes, Manuel Menéndez ía ser deputado de Vox por Lugo, pero o partido decidiu que un empresario de Madrid defendería mellor a provincia. Máis cando se chamaba Juan Abascal: "Se vai traballar en Madrid mellor que se teña pateada a Castellana". Begoña Conde, tía de Abascal, coñecía Ourense de pasar no tren. "A paisaxe é preciosa", observou. A frase valeulle para ser candidata provincial. O seu programa dicía: "Viva antes!".