Opinión

Álvaro Santos busca o boxeo de sombras

Miguel Tellado cambiou de tema. Levaba corenta días predicando no deserto que o Bloque tiña os cornos de ERC e o rabo de Bildu, flexible como un látego acabado nun arpón.

O tema xa aburría mesmo os seus compañeiros do PP, que apagaran as luces da sede ao marchar. Pero Tellado seguía falando dos independendistas do Tirol. De noite, xa na cama, espertaba bañado en suor por un pesadelo no que o BNG inauguraba unha ikastola reintegracionista en San Caetano.

José Tomé leu uns versos tortos sobre o leopardo de Elena Candia e abriu un arco iris ante o voceiro do Partido Popular. A falta de respecto a Candia é un impreso para o alistamento a unha guerra sen patria nin convición. Non gusta á perxudicada. Ela evita ser protagonista nese lameiro. Amólalle que ese debate tape o campo de visión.

Pío Cabanillas dicía que hai "rivales, adversarios e compañeiros de partido". Álvaro Santos vive recluído na embaixada do Concello para que non o extraditen do PSOE. Sentiu vocerío e axitación no caballerismo. Asomou ao balcón consistorial para afear o comentario de Tomé. O concelleiro de Lugo ten a sabedoría de atacar cando o rival, é dicir o compañeiro de partido, está apañando patacas. Castigar o adversario por sorpresa é a metade da arte do boxeo.

O problema de Gonzalo Caballero e de Tomé é que unicamente poden facer boxeo de sombras, pegar cegamente cos guantes contra o aire que se move. Ignoran se se enfrentan a Besteiro ou á fidelidade que conserva entre a militancia, Non saben canto aguantará no ring o seu peso pluma. Depende do seu tío Abel, que vén de proclamar un cantón autónomo da Xunta en Vigo, e do que decida Besteiro. Dalí dicía que "o canibalismo é unha forma sublime de amor".

Comentarios