Opinión

A pel do figo

ESTABA PAGANDO na froitería cando acordei de Santa Teresa. Ela alimentábase con tres figos ao día.

O meu pai fixo unha casa no Barbadal, segundo se sae de Foz cara ao mar Cantábrico. De xeito literal. Comprou un volquete de ladrillo e pediu unha formigoneira a un amigo. Camilo usábaa para cocer o polbo coma o Ezequiel de Melide. Todas as tardes, segundo acababa no instituto, o meu pai collía a paleta e o nivel,e empezaba a enladrillar.

Chamou un día por Camilo para que lle dese o visto bo á obra. Todo o que esperaba o meu pai era aprobación, pero o obreiro opinou: "Don Paco, é vostede bo dando clase". Colleu un mazo e desfixo aquelas paredes tortas nun suspiro de pardal.

Camilo xantaba sopa de polo con fídeo e bebía auga do Bispo Santo, a que mana na altura máis sacra da vila. Era delgado coma unha esquela. Camiñaba sobre o tellado lixeiro. Parecía Xesús cando pisaba as aguas; distraído, pensado nas meixelas de María Magdalena

Camilo non tiña medo de caer. Explicoumo un día: "O secreto é non pesar. Incho os pulmóns para non pesar". Podía estar trinta minutos tellando sen baixar respirar. Un día atopeino morado ao pé dunha escaleira. Logo se repuxo, deu unha bocalada para encher a boca do estómago e subiu de novo ao seu golgota. "Deus anda entre tellas", dicía o anxo ateo.

Os figos de Santa Teresa e as sopas de Camilo son baratas. Cuba non pasa fame para vivir éxtases nin camiñar sobre o mar Caribe; non come porque non ten. O comunismo e o cristianismo son grandes enganapobres. Acordei de Bolivia, de Jeanine Áñez erguendo unha biblia grande e preciosa para derrubar a vitoria de Evo Morales en Bolivia; de Bolsonaro, facendo cruces no aire para ocultar a puñalada xudicial a Lula.

Comentarios