Opinión

A boca do vento

ESTIVEN ameazando chuvia todo o día de onte. Cando o cativo saía na mañá recén estreada cara ao instituto advertínlle para que levase chuvasqueiro

Anunciei precipitacións a Pepa na panadería. Saquei o tema na charcutería cando me atendía Carmela, aínda que non viña a conto. Ao ver saír a miña muller para un café de tarde animeina a levar «o estandarte», que é como chamo os paraugas. O ceo estivo mouro ata  que escureceu. Sopraba un vento ascendente desde o Miño. Ignoro se o vento sube dos ríos. Acontece no mar cando a marea vai ser alta. O Nordés corretea en Ribadeo polas rúas inclinadas para deterse sumisamente na porta da igrexa de Santa María.

Como non daba chovido baixei ao caneiro do Club Fluvial. Bertorella aseguroume que a boca do vento que sopra en Lugo se atopa nunha poza desa zona. O meu pai localizara as bocas que sopran o vento na Mariña entre as praias de Rochas Brancas e de Covas. Non lembro todas: Niño do Corvo, Ollo de Mar, Morás, As Salseiras...

O meu pai subía á noite ao tellado. Anotaba a contabilidade do barómetro, o higómetro e o anemómetro. Os domingos sentaba no seu trono da sala, tapizado en verde. Catro cigarros máis tarde detallaba o clima para a semana.

O Miño era onte un corredor de pizarra entre masas pardas de árbores. Estaba daltónico do seu azul. En vista de que non chovía nin un chover franciscano entrei no Fluvial para resolver un trámite da filla. En casa decidín enlazar unha auga con outra. Chamei ao 010 , o teléfono municipal, por un problema cos recibos. Atendeume Jessica. Largueille un discurso airado, e espero que educado, sobre que o Concello obstaculiza que eu pague os meus impostos acuíferos. Escoitoume nun silencio razoable durante 34 minutos e medio ata que me indicou: "Ten vostede todo correctamente".

Comentarios