Opinión

O Vello das Tres Patacas

O VELLO das Tres Patacas sempre chegaba cedo. Era moi alto e fraco, ou a min mo parecía. Tiña a barba rala, desamañada; na caluga unha boina negra como a do tío Juan. Camiñaba de vagar, en galochas, e sempre ía vestido cun abrigo ata os nocellos, desfiado e aberto. Cando falaba, deixaba ver uns dentes longos e terrosos: "Pódeme dar tres patacas ou o que queira?". A pregunta resoaba rouca e seca coma un trono. Que eu lembre só dicía aquilo... e xa abondaba para agocharnos.

Traía un saco ao lombo.

Ese día non andabamos polos camiños, nin empurrando a carrincha, nin montando en bicicleta, nin anoxando niños nas árbores dos redores. Non, ese día quedabamos na casa caladiños. Sen acougo…

Os veciños parecían non terlle medo. Dicíanlle algo e el asentía. Despois, ó longo do día, tanto o podías atopar sachando trala Igrexa, na horta do López, ou esparrexando esterco no mortoiro da Javiera, como, aló no Bacelo, rozando toxos e uces para roxar os fornos. O perigoso era cando che mandaban ir ao monte coas vacas… estabas só e perdido, arrodeado de pantasmas!

Cando remataba a faena o vello apousábase no toco de diante da porta da casa de Balboa, e alí ficaba moito tempo coa caluga entre os cotelos, en silencio. Seguro que vixiándonos…

Traía un saco ao lombo.

Ao caer a noite, erguíase e mantiña a faciana cara o ceo, como collendo ventos polo nariz. Logo moi amodo, encamiñábase cara o forno da Remedios do Coruxo, que cocera pola mañá e aínda estaba morno. Outras veces tamén durmía no da María do Caminero, ou no do Teolindo de Barxa, dependendo de quen roxara ese día. Ver como se metía por aquel oco tan estreito e pecharse dentro, a nós parecíanos que se metía no mesmiño buraco do inferno... e que dende alí nos asexaba mentres se torraba. Só quedaba esa noite de desacougo. Quen máis quen menos buscabamos a maneira de lacazanear para deitarnos, e non quedar a soas co escuro…

Traía un saco ao lombo.

No tempo da esfolla, o pai da Sarita de Mazaira contaba moitas historias. Unha noite escoiteille falar do Vello das Tres Patacas. Dixo que lle parecera velo na "costa dos Mexacás", con algo que patalexaba ao carrelo, pero que non estaba seguro do que era. Logo quedou calado. Ollándonos… A min xa me sobraba información. Pola mañá a tapa do forno estaba caída. Todos reparamos niso. Saíamos para a escola escudriñando os redores e alentando desafogados, a medida que nos atopabamos. Alí estaban as xemelgas Elda e Elsa, e tamén o Pepiño e a Rosa de Barxa, o Ramón da Alicia e os seus irmáns, o Pololo da Ribeira, as fillas do leiteiro, o Manolito da Pura, os de López, a Anabel do Cao, os do Coruxo, o Manolo da Abelleira, as do Caminero… Ufff! Aínda lembro o calafrío que me arrepiaba o lombo. Tampouco esa mañá faltaba ninguén!

Traía un saco ao lombo.

Un día deixou de vir por Tuimil, ou eu deixei de miralo. Pasaron anos dende aquilo e nese tempo a matogueira agochou lugares e os fornos deixaron de alasar. Os que eramos cativos pasamos a ser vellos, e os que eran vellos xa non están. Pero aínda hoxe sigo sen saber quen era, de onde viña, e qué foi del… Só sei que, cada vez máis a miúdo, sigo escoitando aquela voz rouca e seca que andaba a pedir polas aldeas: "Pódeme dar tres patacas, ou o que queira?" E que... traía un saco ao lombo.

Comentarios