Opinión

Os contos da avoa

Aquela noite Laia quería que a súa avoa lle contara un contiño; un daqueles que só ela sabía e que lle contaba unha e outra vez, porque á nena gustábanlle os contos de lobos e bruxas que escoitaba sen pestanexar segura de que nada lle podía pasar no colo da avoa Alicia.

O conto que máis lle gustaba —aínda que a avoíña dicía que non era conto, que fora verdade o que pasou—, era o do rapaz dos de Vicente, o Lexo, que aínda que era un rapazolo, tiña que axudar coas tarefas da casa. Aquel día, coma tantos outros, foi votar a auga á Namela de arriba.... Saíu cando xa escurecía, co gallo de tornar a auga porque lles tocaba a vixía de domingo a xoves e non podía perder horas de rega.

Hoxe non o acompañaban os dous cans da casa porque foran co seu pai axudarlle traer as vacas que andaban na Chousa, pero ía tranquilo e cantaruxando coma sempre; matinando na fornada de hoxe dos de Airexe; estaría a Lena, unha moza coma feita de cera, cariña de manteiga e corpiño de boneca; algo estaricada porque sabía que tiña mozos a patadas, pero que o miraba con aqueles ollos grandes e negros que lle quitaban o sentido a calquera. Facía a mellor empanada de touciño e chourizo que comera nunca. Xeitosiña e ben falada, entendida de todo e disposta coma ela non había outra.

Embobado non seus pensamentos, viuse na Namela abrindo as regadeiras para repartir ben a auga por todo o prado case sen se dar conta. Tíñao feito tantas veces que parecía que o rodo facía as regadeiras só. Nisto, sentiu moverse os fentos do silveiro e apartando a vista do rego, viu un gran lobo que o miraba fite a fite. Lexo acenoulle co rodo para escorrentalo, pero o lobo, coa cabeza baixa, os ollos fixos nel e abaneando o rabo nin se inmutou. Tiroulle un torrón do rego que lle atinou no lombo pero o lobo deu un chimpo ao lado e alí quedou.

"Tiña mozos a patadas, pero mirábao con aqueles ollos que quitaban o sentido"

"Mala chispa te coma, estás ocioso!", dixo entre dentes Lexo, e seguiu ao seu; tiña que acabar pronto, escurecía e debía chegar á casa a tempo de axudar a meter as vacas na corte e ir probar a empanada á casa de Airexe; levábanse ben e cada vez que cocían uns ou outros, convidábanse; ademais, calquera diría que non, estando a Lena estes días!. Ai, que ganas tiña de vela! Non a quitaba da cabeza.

Rematados os regos e tornada a auga púxose a mexar; sempre lle pasaba co ruído da auga, de súpeto notou xostregar nas pernas; era o lobo que marcaba o sitio. Lexo sentiu un arrepío no corpo; tentou darlle co rodo nas costas, pero o lobo notou o medo do rapaz; deu un brinco ao lado e alí quedou. Ouleou e outro contestoulle no cimo do prado. Saíron de entre as xestas outros dous que tiñan a mirada fixa no rapaz. Xa non era quen nin de termar do rodo, que lle caeu da man alí mesmo. Non era cousa de broma. Os tres lobos con ollos escintilantes chamaban uns polos outros. O rapaz subiu como puido a un bidueiro que medraba na gabia, pero os lobos roñaban e roían o mango do rodo e teimaban por subir ó bidueiro; era época de cría e unha boa ocasión de encher as tripas. Como non podían chegarlle empezaron a roer no brando toro da arbore, sacando grandes anacos de cada vez. Lexo empezou a berrar; pedía axuda sabendo que era difícil que o escoitaran; a Namela quedaba metida nun furado entre as Travesas e o Carboeiro e por mais que berraba os seus berros parecían ser silenciados polo monte ou pode que polo medo que o enmudecía.

De súpeto, escoitou polo camiño da chousa os ladridos dos cans da casa alentados pola voz do seu pai e dos veciños que chamaban por el. Nunca tanto se alegrara de escoitar aqueles tolos de cans que lle ensuciaban os pantalóns con lama cada vez que subían por el ao velo chegar á casa.

Cando os viu entrar polo porteleiro caeu estalicado e perdeu o sentido. Estivo na cama mais dunha semana con tremores e febres e xa nunca foi home de volver só á Namela nin de saír entre lusco e fusco.

Se foi verdade ou non eu non o sei pero por se acaso…

Cada noite Laia escoitaba.

Ana Vázquez Díaz