Opinión

A barafunda

O debate, nun bar de Ourense. BRAIS LORENZO
photo_camera O debate, nun bar de Ourense. BRAIS LORENZO

POUCAS COUSAS definen mellor como foi o debate que o lapso que tivo o moderador aos poucos de comezar. Probablemente atordado pola inaudita presenza de candidatos, o xornalista apelidou Casado a Casal. Comprensible confusión. Pancho, que non Pablo, é o candidato de Marea Galeguista, unha das caras coas que agora se manifesta o outrora –e por breve espazo de tempo– unido rupturismo galego. Marea Galeguista é tamén unha das sete formacións que estiveron representadas esta noite no plató da TVG, para desventura do espectador. De que espectador, cabe preguntarse, porque tras unha improvisada e nada empírica enquisa realizada vía WhatsApp entre algúns contactos, a metade afirmaba non saber que había un debate e a outra metade prefería non telo sabido.

Foi longo. Ás veces tedioso. Falto de propostas na maior parte. Sorprendeu a presenza dun candidato da ultradereita, especialmente pola súa falta de presenza nas institucións galegas. Ao quinto "gobierno criminal" xa demostrou que traía ben aprendido o discurso de Abascal e perfectamente perfilada a barba. Probablemente saíu ben parado; ninguén lle poñía cara e agora sabemos que hai un señor de Ferrol preocupado "por la tierra que pisa el agricultor" e convencido de que Castelao era "racista".

O debate a sete diluíu na amálgama de voces a quen tiñan máis táboas, Feijóo e Pontón, e obrigou a un debutante nestas lides, como Gonzalo Caballero, a facer un ímprobo esforzo por parecer enérxico. Por momentos logrouno. Conseguiu colocarse como o rival de Feijóo na batalla pola Xunta e como azoute de Vox. Pero noutros perdeuse en maneiras propias dun vendedor de coches de segunda man.

Gómez-Reino, que leva nas costas o peso de medir nunhas eleccións o impacto de Podemos no Goberno da Moncloa, estivo correcto nun debate no que probablemente debía estar de sobresaínte para contrarrestar o que apuntan as enquisas. E Beatriz Pino, coa solvencia da súa experiencia televisiva pero co hándicap do seu discurso baleiro, vendeu moderación fronte a Vox na guerra dos outsiders que buscan pescar no caladoiro popular. Pontón, resolutiva coma sempre, lamentará un formato que minimiza entre a algarabía a súa notable oratoria. E Feijóo, o que máis tiña que perder porque todas as enquisas o dan como gañador o 12-X, agradecerá un formato no que a oposición dilúe a súa forza e no que sae reforzada a súa idea de que Galicia ten que elixir entre el ou unha barafunda de partidos. 

Comentarios