Opinión

Dimisión en dous tempos

NON HAI moito tempo, antes de que o mercado da coruñesa praza de Lugo se convertera no seu Dallas particular, había quen vía en Gómez Besteiro unha especie de Kennedy galego. Pero JRGB xa non será JFK –agás improbable resurrección se sae indemne dos procesos xudiciais– tras a dimisión en diferido coa que primeiro se baixou do tren da Xunta sabendo que probablemente despois tamén o tería que facer do liderado do PSdeG, como acabou ocorrendo este venres. Di Besteiro que ninguén o convidou a que agora deixara a secretaría xeral, algo difícil de crer dada a presión á que se viu sometido durante esta semana desde Madrid. Se a súa decisión foi libre e non influíron nela voces internas e externas ao PSOE, que foi entón o que cambiou nos últimos seis días? Simplemente que a bóla de neve non deixou de medrar. Desde aquel fatídico "confío en Besteiro" que pronunciou Pedro Sánchez na cidade herculina, todo se volveu en contra do lugués. Sobre todo as seis novas imputacións, un lastre demasiado grande tanto para el como para as aspiracións do líder de Ferraz.

Comentarios