Á NOITIÑA, a cidade que antes bulía de xente está hoxe tomada por repartidores motorizados. A cidade entregouse á comida rápida no tempo no que hai máis tempo para preparar a comida, paseniño, na casa. Sen as présas de cando había présa por facer outras cousas.
Na pandemia, que remedio, aprendín a pasalo ben cociñando. Ás veces sírvome unha copa dalgún viño resultón que estea de oferta no Gadis, mentres de fondo soa a lista de reprodución dalgún grupo desaparecido hai lustros, cando os discos aínda se pagaban en pesetas. Entón penso en que coa información pasou algo semellante. A sucesión de titulares devorou a análise como as pizzas do Domino’s acabaron coas potaxes das avoas.
Por certo, xa poden ler esta e outras reflexións na miña nova conta de Twitter.
PD: A compañeira Verónica Núñez, probablemente de forma atinada, apuntou tras ler esta columna: "É moi de avó". Non se me ocorre mellor forma de debutar en Twitter.