ESTÁ A LUCENSE Melania Cruz marabillosa en Continente María, unha inmensa obra pequerrechiña que nos achega á figura de María Casares, esa coruñesa filla de Casares Quiroga que marchou ao exilio, triunfou no teatro en Francia e namorou a Camus.
Melania Cruz hipnotiza nos seus mil rexistros: doce e desgarradora, libre e infeliz, cabalgando entre galego, castelán e francés. Xunto a ela, un lucense de adopción, Vadim Yukhnevich, dálle o pé musical e entoa o No pasarán con delicioso acento eslavo. Dirixe Tito Asorey. Se teñen ocasión, vaian vela, aínda que polo de agora, tristemente, non ten programados máis pases.