viernes. 27.11.2020 |
El tiempo
viernes. 27.11.2020
El tiempo

Recuperar o público

As crises periódicas provocadas polo capitalismo, máis que crises en sentido pleno trataríase de brotes de crecemento. No mundo rico as padecen os máis débiles, mentres no pobre a maioría vive en estado crítico permanente. Tras elas, o capitalismo non só se mantén como modo de produción dominante, senón que sae moi reforzado.

O habitual é analizar crises que catalogan de económicas, resultado das contradicións internas do capital xeradas pola especulación financeira, a loita polo reparto do botín da súa loada globalización etc. A crise actual, que ademais é tamén económica, considérana sanitaria, ten enorme repercusión derivada da súa universalidade, pero augúraselle un desenlace moi similar ás precedentes. É dicir, incrementarase a desigualdade social.

Común coas anteriores é o decisivo papel que desempeñan os medios de comunicación masivos, magma de internet incluído, na súa difusión e tratamento. Conflúen a facilidade de acceso aos mesmos, a dúbida sobre a veracidade e a intencionalidade da suposta información que difunden e o estres emocional que provocan. Isto supón, de entrada, que esteamos permanentemente mergullados na inseguridade, na inquedanza e no desacougo. Bulimos entre interpretacións con intencionalidade científica co lóxico marxe de erro, mensaxes apocalípticas, mentiras e o nada desprezable efecto do dixomedíxome. Esta combinación non é nova, pero neste caso resulta explosiva polas circunstancias que concorren e as proclamas derivadas destas que o sistema transmite polos medios.

A clave é tratar de establecer se, despois desta crise, o mundo, entendido como o colectivo humano desde a perspectiva económica, social e política, será realmente outro

Así, a excepcionalidade da pandemia, obrigou ó confinamento, tamén clasista, da maioría da poboación, restrinxindo dereitos cuxo efecto é moi difícil de aturar por afectar de xeito moi directo ás manifestacións sociocomunicativas e afectivas que forman parte esencial do noso día a día.
A partir de aquí, para evitar unha desmoralización da poboación de imprevisibles consecuencias, flaxélannos con tres ideas básicas. A de que esta situación é pasaxeira e que máis pronto que tarde a superaremos, a de que somos un modelo de solidariedade (convertendo en categoría a exposición de casos puntuais) e a de que, tras o sacrificio para superar a crise, sairemos dela moral e socialmente purificados. Por fin, un mundo paradisíaco. 

Polas claras connotacións relixiosas da secuencia proposta (pecado-castigo-expiación da culpa-felicidade), parece que confían que a pegada cultural da relixión poida ter aínda efectos catárticos para enfrontarse á pandemia. 

Pero a clave é tratar de establecer se, despois desta crise, o mundo, entendido como o colectivo humano desde a perspectiva económica, social e política, será realmente outro. É dicir, se a súa estrutura mudará significativamente. Todas as sinais apuntan hoxe ao contrario.

En plena orxía do capitalismo triunfante, co ‘estado mínimo’, a privatización xeneralizada e a globalización económica como elementos de culto, a presente crise pon de manifesto o fracaso do neoliberalismo e o seu brutal efecto sobre a maioría dos cidadáns que sofren as consecuencias do seu paroxismo privatizador, desde os recursos da natureza ás residencias de maiores.

Os sacerdotes do estado mínimo, da estigmatización do público, do sálvese que poida, da enxeñería fiscal para evadir impostos, non esperaron a autorregulación do mercado que predican e foron os primeiros en acudir a ese estado que rexeitaban para que lles garanta o mantemento do espoliado baixo a ameaza de desmantelar a economía do país. E ese exiguo estado, do que tamén se apropian, obedece, en detrimento dos máis necesitados. Cumprido o seu obxectivo, seguirán minimizando o público, á par que a errática e multiconfinada Europa dos mercados (a social nunca existiu), apréstase a recuperar o statu quo anterior á crise.

Mentres, a maioría social, concentrada en sobrevivir, atenazada polo medo e sen perspectiva para reflexionar, seguirá asumindo o discurso da que a foron imbuíndo será incapaz de decatarse de que a solidariedade proclamada quedará en palabrería oportunista, irrealizable na práctica se non se garante un reparto xusto da riqueza mediante a solidariedade fiscal e a plena recuperación do público, o que non se albisca nun horizonte próximo.

Recuperar o público
comentarios