Opinión

Unha fin de semana nos Ancares

NESTE ARTIGO vou propoñervos unha escapada dunha fin de semana ás serras orientais galegas. Unha completa proposta para reivindicar a calidade do ensino público no noso rural, para gozar coa nosa música e baile tradicionais e para empaparnos do fantástico patrimonio artístico e natural dos Ancares. Sairemos de Becerreá, a capital administrativa da comarca, seguindo a estrada de Navia de Suarna (LU-722). En Liber colleremos a estrada LU-723 e a un quilómetro, nas Pontes de Gatín, faremos unha breve parada para admirar a ponte medieval (de posíbel orixe romana) que cruza o río Navia. A ponte posúe na parte superior un miliario reconvertido que conta cunha inscrición de época moderna e alí, entre a beleza da paisaxe e o suave murmurar do río, poderemos saborear a lenda que dá nome á ponte e na que vemos como o demo a construíu nunha soa noite a cambio dun gato (gatín) grazas á astucia da veciñanza.

Seguindo a estrada chegaremos a Doiras, o noso primeiro destino da fin de semana, onde se celebrará a V Festa da Involución Educativa, unha xornada na que a ANPA do CPI de Cervantes reivindica unha calidade do ensino público do rural, especialmente da montaña, homologábel ao resto de Galiza. Lembremos que na maioría dos centros con menor alumnado non existe profesorado especialista en infantil, cando curiosamente todos contan co especialista en relixión que envía a Diocese e paga a Xunta de Galiza. Da Ponte de Doiras sairá unha ruta de sendeirismo (ás 10.00 h.) ata a recentemente descuberta (por Patrimonio de Ancares) fortaleza do Teso do Castelo, que se atopa a tan só 1.300 m en liña recta do Castelo de Doiras. Alí Xabier Moure interpretaranos os restos do Castelo da Airoá. A ruta rematará no Castelo de Doiras onde despois de repoñer forzas contaremos cun relatorio titulado Valorar os Ancares a cargo da escritora Helena Villar Janeiro (ás 12.30 h.), que traballou como docente na zona e na que escribiu con Xesús Rábade Paredes Morrer en Vilaquinte. Despois do xantar (cada un levará a súa propia merenda) no patio do castelo teremos música galega a cargo de Mini e Mero, Os Xardois, Son de Cores e Os Gaioleiros.

O seguinte destino da fin de semana será Piornedo. Para chegar, colleremos a estrada que une Doiras con Donís pasando pola Campa da Braña, onde recomendamos facer unha parada para repoñer forzas nalgún dos establecementos hostaleiros alí existentes. En Piornedo, a Asociación Cultural O Teixeiro celebra a XII Festa da pandeira para poñer en valor un instrumento musical moi pouco coñecido e confundido cos seus curmáns pandeiro e pandeireta. Pola mañá haberá un obradoiro de baile con pandeira impartido por Xabier Iglesias e despois da recepción e xantar-homenaxe ás tocadoras (só con convite) o público xeral poderá degustar da sabedoría musical atesourada por elas (ás 17.00 h.) que irá precedida dunha charla-coloquio sobre o instrumento. A partires das oito, a música libre fará de teloneira a unha polavila que se alongará ata altas horas na antiga escola. A edición deste ano homenaxea a un entusiasta home, nun mundo no que predominan as mulleres: Fernando da Casanova, de Vilanova do Pedregal.

Despois de facer noite en Piornedo aconsello facer calquera das numerosas rutas de sendeirismo que parten de alí ou do Porto de Ancares (dependendo das ganas de andar e da forma física), ou visitar a palloza-museo da Casa do Sesto ou a igrexa de Donís. Pola tarde recomendo unha visita á Pobra de Navia de Suarna para desfrutar dun paseo pola vila e admirar a ponte medieval e o castelo, broche final para unha intensa fin de semana turístico-reivindicativa.

Comentarios