Opinión

Arroutadas

Hai uns días os xornáis ofrecían información de cómo afecta a calor á rotina do vivir diario: acrecéntanse e esaxéranse a frecuencia dos aldraxes e diminui a capacidade de raciocinio, ademais do incremento das actitudes violentas e das repercusións na economia. Qué cousas: isto lembrounos datos contradictorios sobre a calor, por exemplo que alguén o busca porque non o atopa na casa e xa non falemos dos estados de quentura e aquecemento, que ás veces non teñen a súa orixe nos graus das táboas meteorolóxicas. Nunha ocasión de paso polas veigas de Padrón nun mes de agosto e coa continxencia dun pinchazo, ofrecéuseme a ocasión de refrescarne pensando naqueles versos de Rosalía de Castro «Misteriosa regadeira / fino orballo no chan pousa / con feitiña curvadeira, / remollando na ribeira / flor por flor, chousa por chousa». Ben é certo que o alivio foi moi breve, até que puxemos o auto en marcha.

Naturalmente está o saber popular para a predicción do tempo, que ten cada vez menos predicamento porque a cada chanzo é máis perceptible o cambio climático. A xente do común dáballe máis credito ao frade do tempo, que sinalaba cun punteiro e poñia a capucha en caso de chuvia, xa que era realmente un higrómetro e iso que a efixie clerical popularizouse nun tempo de fuxidío entusiasmo cristiano, pero cunha creatividade dinámica en Cataluña pois que o inventor foi un catalaán, xente con sona de emprendedora.

Pero voltando ás liñas iniciais sobre os efectos da excesiva calor, e apartando a fogaxe artística que caracteriza algunhas obras e fecundos artistas, moitas veces os veciños vémonos sorprendidos por políticos aos que lles dou un quente, ou sexa un golpe de calor sen que a verba teña conotacions sexuais, ainda que tamén se usa nesa acepción. Falamos dunha arroutada ou sexa un antónimo de sentidiño, o que en portugués se di bom senso, e en catalán seny.  Ocorre que a inercia e a rotina non se atribúen normalmente á canícula, senón mais ben á preguiza e ao desleixo de non se parar a analizar os feitos desde varios ángulos e perspectivas, e reparar un algo nos fenómenos alonxándose dos reflexos condicionados que tan ben exemplificou o can de Paulov.

Velaí, a eñora que preside a Comunidade Autónoma de Madrid sería quen de abofetear ao Sumo Pontífice invocando o nome de Deus, por expresalo cunha desas frases caricaturescas que compuxo o noso Castelao. Desde logo en canto se fai pública unha medida do goberno central, prodúcese un efecto rotuliano por parte desta militante de dereitas. Pero neste caso cómpre procurar os motivos de tan singular intérprete desa telenovela turca que escribiu un xornalista que exerce nominalmente de xefe de gabinete, pero na realidade é o ideologo. El fornece os conceptos e ela encárgase da version ‘globish’, ou sexa das necedades, propias dos egocénricos, un risco caracreristico das primeiras etapas infantís, con perdón para os cativiños. A seguinte controversia vai ser a sequía, esa mesma que alguén xulgaba de pertinaz e responsabilizaba da desastrosa situación de fame polas malas colleitas. Non se pode desbotar nada, comezando polo milagre da reaparición de vilas e monumentos asolagados,  non esquezamos ao falar de portentos que tamén miran de esguello para Polonia e mesmo os Estados Unidos. As forzas progresistas están na obriga de estimular o ánimo a prol dos valores da diversidade cultural e lingüística e da civilidade que é patrimonio europeo. Non lles arrendo a ganancia.

Comentarios