Opinión

A miña familia celeste

O que vou contar nestas liñas vai máis aló dun sentimento; contarei a historia da miña propia familia. Aquela que levo unha tempada sen ver e coa que uno forzas por un mesmo sentimento cando voltamos ó Pazo. Sentimento que somos incapaces de describir pero está, máis vivo se cabe, cada día que pasa. Esta familia rema unida, segue en pé e volve nas boas e nas non tan boas.

Esta é unha xornada para disfrutar e non esquecer, pase o que pase. Quedará na nosa memoria. Vivirémolo nun futuro como algo máxico. Acórdaste daquela final contra Granada?

O pasado mércores, recordaba con moitos dos meus familiares celestes eses partidos contra Menorca, Ourense, León, Melilla, Manresa… Que tempos e canto sufrimos! Pero gusta ver que aquí seguimos, levando e metendo no corpo ese sentimento ós nosos sobriños, netos e fillos e vendo que, como na vida mesma, a familia segue medrando, co xurdir duns valores: os da amizade, loita, paixón, deportividade e convivencia. Hoxe é un deses partidos onde todo comeza.

Cando me preguntaban cómo foi o de compoñer ese himno que soa antes de cada partido, sempre digo o mesmo: moi fácil, xa que non o escribiu David Prado soamente. Foron momentos únicos, "o seguimos en loita" da bancada nun dos momentos máis duros do breoganismo, "o en pé Pazo" de Areñas, "as costas do Parque" que tantas historias contaron, "o equipo de Galicia" de cada partido.

Todo, absolutamente todo escribiuno a nosa familia durante 50 anos verso a verso e nota a nota.

Por eso no día de hoxe volveremos todos xuntos a escribir, máis con Sergi, con Arco, con Larsen, con Eric… outra páxina na historia celeste. Outro verso para a canción da nosa vida. Outro partido e outra historia para cantar coa familia para sempre. Por eso, vivireino cos meus, coma sempre e coma nunca. Xa que gracias a todos estes familiares SEGUIMOS EN PE.

Como dicen os meus compañeiros Embreogados vivindo "A NOSA REVOLTA".

Comentarios