Blogue | A Semana do Revés

O Garañón, antes e despois

A urbanización mudou posicións políticas, truncou carreiras e comprometeu as arcas públicas

O Garañón desde el aire. PONTE
photo_camera O Garañón desde el aire. PONTE

CORRÍA 2005 CANDO O Garañón comezou a rodar para acabar converténdose nunha auténtica bola de neve que contribuíu a levar por diante carreiras políticas —a principal, a de José Ramón Gómez Besteiro á Xunta— e provocou innumerables danos, como imputacións de funcionarios municipais —que aínda hoxe distorsionan o funcionamiento do Concello— e as máis que probables indemnizacións que vai haber que pagar ao promotor da frustrada urbanización.

Hai tempo que o rexeitamento cidadá e político ao Garañón é unánime —con matices por parte de quen, dun xeito ou doutro, o tramitou e o autorizou, apelando sempre a que non facelo sería tanto como incumprir a lei—, pero non sempre foi así. Os primeiros en advertir do impacto que suporía esta urbanización e do mal negocio que era para o Concello foi o PP —tamén o BNG—, pero foron os veciños os que puxeron o proxecto urbanístico na palestra e conseguiron que o xulgado o tombase. Entre eses veciños habíaos directamente prexudicados, posto que as torres levantábasen fronte ás súas vivendas, por iso inicialmente, e aínda hoxe, hai quen os denigra. Porén, eses cidadáns, logo constituídos en Asociación en Defensa do Parque Rosalía de Castro, tiveron a habilidade de ir sumando apoios á causa contra o monstro que xa empezara a erguerse ao lado dun dos espazos máis emblemáticos da cidade.

Ninguén se atrevería a defender hoxe un Garañón, menos aínda fronte á preservación deste espazo como zona verde, dándolle continuidade, como agora se propón, ao parque Rosalía. Pero tampouco se pode esconder que, se un mira cara a esta zona da cidade dende, poñamos por exemplo, a estrada vella de Santiago, ademais do Garañón sobrarían outros edificios. Se Patrimonio rexeitou esta urbanización pola afección a bens patrimoniais como o Parque e o antigo sanatorio Portela, non é fácil de explicar como se puido facer o edificio de vivendas que practicamente abraza o antigo inmoble sanitario. Ou como se autorizou algún edificio ao lado da muralla.

O peor no caso de Garañón foron os anos que se perderon tentando defender un proxecto condenado dende o momento que quedou claro que o informe que non se pediu a Patrimonio era preceptivo. Tempo que se traduce en diñeiro, porque cada día que pasa aumentan os valores de conceptos indemnizatorios como o lucro cesante e o custo de tirar o construído.

Se algo quedou demostrado co Garañón é que ningunha decisión sae gratuíta e que non hai que subestimar a ninguén, porque o que hoxe parece un movemento minoritario mañá pode acabar cambiando a historia da cidade. A finais do 90, o PP deulle unha edificabilidade á parcela do Garañón. Na década seguinte, o PSOE autorizou unha construción que, quizais se se propuxera doutro xeito, non nos levaría a onde nos levou. Co tempo, o PP acabou sendo o máximo azoute do Garañón e o PSOE acabou renegando do proxecto urbanístico. Ver para crer. 

A condena de Besteiro
O Garañón cambiou o socialismo galego. Gómez Besteiro, chamado a lideralo, empezou a caer en desgracia por este proxecto, a raíz dun anónimo que conectaba esta licenza urbanística con intereses persoais do político. En 2015, Pilar de Lara imputoulle catro presuntos delitos e en 2016 deulle a estocada con outras catro imputacións pola súa xestión á fronte da Deputación. As dúas investigacións están paradas.

Méndez non se achica
A decisión da alcaldesa de tentar recalificar O Garañón como zona verde é, mírese como se mire, unha enmenda aos seus. En teoría, pon os intereses de Lugo por diante dos partidistas, pero é evidente o electoralismo do anuncio e está por ver que proveito lle vai dar. De momento, é un brinde ao sol, pola falta de informes e de negociacións co promotor, como denuncia a oposición. Iso si, pona nun aperto. A ver quen vota non!

50 anos das Costas
A proposta de deixar O Garañón como zona verde chega cando se cumpren 50 anos das Costas. Hai medio século, Lugo vivía un momento de expansión e precisaba novas zonas de esparcimento. Proxectouse un amplo espazo entre o Rosalía de Castro e o tamén novo Palacio dos Deportes. Non é amplamente utilizado, pero é moi aprezado por quen fai uso del, é un pulmón e preserva as vistas ao val do Miño.

Comentarios