Blogue | A Semana do Revés

En Lugo faltan luces

O alumeado navideño, sempre polémico, volve poñer no disparadeiro a xestión municipal

Alumeado navideño, o ano pasado na Praza Maior. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Alumeado navideño, o ano pasado na Praza Maior. VICTORIA RODRÍGUEZ

SERÁ que non son tendeira, porque se me escapa a esaxerada importancia que, na miña opinión, se lle dá ás luces de Nadal ano tras ano. Certo que, en xeral, a todo o mundo lle gustan que as cidades estean bonitas e, a saber por que, neses canons entran os alumeados. Agás para quen non comparte o gusto polo Nadal nin a súa cada vez maior vertente mercantilista. Certo tamén que somos como avelaíñas e imos alí onde hai luces. E alí a onde imos é onde consumimos, máis aínda nestes tempos nos que sufrimos de falta de tempo.

O gran investimento que as grandes superficies comerciais fan en luces e demais parafernalia navideña, nas que ningunha decisión adoita ser gratuíta, tamén parece unha proba de que con luz gastamos máis.

Nesa lóxica encádranse as queixas dos comerciantes polo retraso no acendido do alumeado de Nadal, que se producirá, con sorte, o vindeiro fin de semana. Noutras cidades prendeuse a finais de novembro ou nos últimos días, para a ponte festiva. En Lugo tiña que funcionar dende o 30 do mes pasado pero, unha vez máis, a cidade é noticia polo mal facer. Como sucedeu outros anos e como acontece con moitos outros contratos, a administración licitou tarde e, por riba, demorouse na adxudicación. Non se explicaron as causas, pero que houbera só unha oferta -da pontevedresa Electromiño- e que esta superara só en 277 euros o prezo de saída fai pensar que igual non había moitos interesados. O Concello arrastra fama de tardeiro nos pagos. E, neste caso en concreto, segundo as bases, a empresa gañadora tería catro días para instalar e acender as luces dende a data de adxudicación, un trámite tralo que despois veñen outros, como depósito de aval e formalización do contrato.

A tramitación foi tan torta que, segundo algunhas versións, Electromiño ameazou con botarse atrás porque supostamente lle suxerían firmar un contrato con data anterior á de adxudicación. A alternativa non foi moito mellor, porque firmou o luns pasado cando por contrato tería que ter a instalación lista o venres anterior. Hai quen ve un acto administrativo nulo de pleno dereito.

Se o asunto non se complica máis, Lugo terá luces nos vindeiros días, pero cargarase de razón quen sostén que o investimento é un despilfarro. Se 139.000 euros eran moitos cartos para cinco semanas, menos aínda renderán para as tres que previsiblemente estarán acendidas as lámpadas.

E despois está o debate sobre quen debería sufragar o gasto. Ata hai uns anos repartíano entre o Concello e os comerciantes que querían luces nas súas rúas. Un conflicto coa Federación de Comercio e o anuncio de que o Concello pagaría as luces de vías estratéxicas que quedaban sen elas, como a Raíña, porque as franquicias non pagaban, motivou as protestas de comerciantes locais e levou a un cambio de sistema. O Concello asume agora a instalación e o consumo. Así é tamén noutras cidades, a pesar de que é o maior proveito é para o comercio.

Ou calar ou achantar
NAS crises hai veces que é mellor calar e agardar a que arrefríen e, cando non se pode, é arriscado fuxir cara a adiante. Quizais resulta mellor ir coa verdade por diante. O goberno escusouse en que non houbo presuposto municipal ata abril —por culpa da oposición— para xustificar a tardía tramitación do contrato das luces de Nadal. Casualidade ou non, a peregrina explicación deuna a edil de economía, Ana Prieto.
Os máis ofendidos
TODOS os colectivos de comerciantes se queixan da demora no acendido das luces, pero o máis crítico, con diferenza, é Lugo Monumental. En xeral é unha organización máis propositiva e reivindicativa ca outras, como a Federación e as Empresarias. Presume de que funciona coas aportacións dos seus socios e de que non acepta subvencións públicas. Hai administracións ás que lles custa entendelo.
Imposible a gusto de todos
AS luces de Nadal é un deses asuntos polos que, faga o que faga, o Concello vai recibir críticas. Para algúns veciños son un despilfarro e hai mellores cousas en que gastar os cartos públicos; para outros, a decoración é escasa ou está mal ubicada... Lugo aumentou o presuposto nun 216%. Están moi lonxe do desvarío de Vigo e achégase á cifra de cidades similares, como Ourense (95.000 euros) e Santiago (100.000).

Comentarios