Opinión

As DeXprotexidas e Invisibles sen vacina

É luns e coma cada semana Xandra acode ao seu posto de traballo coa forza que caracteriza á súa profesión para poder enfrontar outra dura semana de demandas sociais sen recursos.

Este é o único día da semana no que non atende á poboación de xeito presencial. Na axenda da mañá inclúe varias visitas domiciliarias para emitir informes sociais vinculantes para o trámite de xestión de expedientes de valoración do grao de dependencia acumulados por esa sobrecarga de traballo que  nos Servizos Sociais Comunitarios se adoita soportar. 

Recén chegada á oficina soa o teléfono, é Ximena que solicita información a cerca de axudas de alugueiro de vivenda pois recén separada presenta unha importante carga económica ás súas costas con dous fillos aos que atender. Xandra trata de rematar unha memoria técnica para a xustificación dunha subvención anual de gastos do programa de axuda no fogar mentras entra unha chamada da Garda Civil pola intervención conxunta realizada por ambos a pasada semana na que acudiran ao domicilio de Xema, unha veciña que dende fai anos reside no seu fogar facendo acopio de grandes cantidades de lixo e putrefacción e unha ducia de cans sen condicións de habitabilidade axeitadas nin medidas de hixiene. Ese día permitiulles a entrada  no seu fogar, un fogar no que era complicado transitar e mesmo respirar sen que iso supuxera sufrir náuseas. Deberán remitir un novo informe á Fiscalía. Aproveitan a chamada para realizar seguemento do caso de Xiana unha muller á que, ao inicio do estado de alarma mentras o mundo se atopaba paralizado, tiveran que acudir cando aínda non había máis ca EPIS para o persoal sanitario e intervir nun caso dunha retirada urxente do menor do domicilio. Os servizos sociais especializados carecían de autorización para saír a intervir en domicilios así que, dada a situación, Xandra e mailo axente da Garda Civil víronse empurrados ao campo de batalla sen escudos que os protexeran e cun menor desprotexido ao que abrazar para calmar e retirar daquel fogar. 

Son as 10:30 horas, remata a memoria para a subvención e sae a dous domicilios, o de Xusta, unha entrañable veciña de 87 anos  que vive soa no seu domicilio no entorno máis rural do concello e quere ir a unha residencia, abre a porta sen mascarilla, pídelle por favor que coloque unha e despois de revolver un cacho nun caixón do moble da entrada colle o seu EPI que se aprecia que ten bastante máis uso do recomendado polas autoridades sanitarias. No vehículo particular de Xandra, que é o usado para as visitas domiciliarias, non dispón doutro EPI novo para proporcionarlle. É o que hai, entra no domicilio de Xusta, na súa habitación, a cociña, o baño etc… e recolle os datos precisos para xestionarlle unha praza en centro residencial que tardará con sorte meses en resolvérselle.

Disponse a visitar a Xoana unha muller que sofre esquizofrenia, usuaria do servizo de axuda no fogar municipal, para resolver unha problemática presentada no domicilio en relación co servizo. Acode neste caso acompañada da traballadora social coordinadora do SAF na empresa xestora. Xoana leva varios días sen saír do domicilio, non porta mascarilla e está pasando por unha etapa de descompensación debido á súa enfermidade na que presenta episodios de agresividade. Cando entran observan que caeu da cama e non se pode erguer, entre ambas técnicas agárrana e axúdanlle a volver á cama. Os seus únicos EPIS para realizar a visita domiciliaria son unha mascarilla FFP2 e un bote de xel. Senten desprotección e senten que desprotexen.

Cando Xandra sae do domicilio ten varias chamadas no seu teléfono, xurdiu unha urxencia, retorna ao concello e unha vez alí devolve unha chamada urxente na que a interlocutora, muller vítima de violencia de xénero con tres fillos menores a cargo e con expediente de desprotección aberto no Servizo de Menores lle indica que nese momento carecen de ningún tipo de alimento no domicilio para ela e os seus fillos, son as 13:00 horas, Xandra treme e disponse a buscar os recursos necesarios, cos que non conta, de maneira urxente e inmediata para trasladarse ao supermercado local a facer persoalmente unha compra de alimentación e produtos básicos de hixiene e levárllelos no seu vehículo persoal ao domicilio da familia. Baixan a compra entre todas cando repentinamente Xandra escoita unha voz, xira a cabeza e a menos de medio metro dela aparece un varón que baixara da parte superior da vivenda sen mascarilla, falando nun ton bastante elevado e nun estado evidente de embriaguez. Xandra sente novamente desprotección.

Sae do domicilio e rocíase de xel hidroalcohólico tal que semellase perfume que alivie esa sensación de desprotección. Ao acender o coche informan na radio das diferentes estratexias de vacinación do SERGAS dos múltiples sectores profesionais e colectivos esenciais, en ningún momento mencionan ás e os traballadores/as sociais que seguimos aquí invisibles atendendo á poboación máis vulnerable da nosa sociedade, á poboación maior, dependente, con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero, familias sen recursos, familias con fame e medo soidade e illamento, familias ás que escoitamos , acompañamos e atendemos a diario, presencialmente nos centros de servizos sociais e como vedes nos seus propios domicilios, onde esa presencialidade que implica a esencialidade nos deixa desprovistos de medidas de hixiene e control das situacións e espazos nos que intervimos. 

Como traballadora social no rural que aprecia a súa profesión e o entorno no que a desempeña, Xandra sente indignación, e tan só lle queda pensar que a Administración superior que decide a estratexia de vacinación descoñece totalmente as funcións do colectivo de traballo social ou ,o que é máis grave, a fraxilidade dos colectivos aos que atende, doutro xeito estas condicións non deberan ter sido obviadas. 

Xandra realiza o seu traballo cumprindo coa normativa que recolle a propia Lei de Servizos Sociais de Galicia en canto a funcións e colectivos a atender do seu perfil profesional constituíndo a canle normal de acceso ás prestacións e recursos do sistema de servizos sociais que garante a súa universalidade e a  proximidade ás persoas usuarias e aos ámbitos familiar e social. 

Xandra pensa…..Ata cando continuaremos DEXPROTEXIDAS E INVISIBLES ? 

Comentarios