miércoles. 29.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 29.09.2021
El tiempo

Un can amarelo

AS ADUANAS eran lugares con barreiras vermellas e brancas. Un policía observaba dende unha cabina. Rañaba o nariz ancho

Miraba canto te parecías ao individuo do carnet. As fotografías do DNI revelábanse nun branco e negro manchado de sombras. A súa función de facelas con aire sinistro era que se te detiñan por delincuente pareceses El Lute ou, cando menos, un roubagaliñas. As fronteiras son agora telepeaxes nos que, de atopar alguén, vai ser  unha universitaria que traballa para pagar a matrícula.

Estes días crucei unha aduana con Francia para coñecer Arcachon. Descubríno por unha novela negra de George Simenon, O can amarelo. Arcachon é un porto sucio habitado por mariñeiros que respiran tabaco áspero e lavan os dentes con xenebra. Non lembro o papel do can no libro, non me dou conta de se esa obra estaba ambientada en Arcachon e non sei por que quería visitar unha cidade a raíz deque  me gustase un libro. Todo isto podo recoñecelo nesta columna porque a miña muller nunca me le. Ela  preparou a viaxe e conduciu centos de quilómetros pesadísimos ata Arcachon.  O problema é que nada se nos perdía a ningún dos dous na costa oeste de Francia.

A viaxe levounos dez horas. Fixemos dous descansos en areas de servicio para suspirar. Chegamos ao lugar onde poida que Simenon ambientase unha novela en 1933. Arcachon é unha inmensa toalla de praia estendida ao longo dunha baía. Sobre ela durmitaban uns rapaces bronceados coma culturistas e unhas mozas loiras que brillaban tras gafas de sol. Sobre o paseo había centos de turistas de pantalón curto e pulseira de coiro. Xantaban mexilóns todos coordinados, coma nunha coreografía do Hollywood dourado. O aire cheiraba a bronceador, pero non a xenebra. Barato, iso si.

Un can amarelo
comentarios