Opinión

Sobre Tàpies

O ESCRITOR Álvaro Cunqueiro (1911-1981) e o artista, entón mozo, Raimundo Patiño (1936-1985), protagonizaron unha polémica arredor da obra do artista catalán Antoni Tàpies (1913-2012), unha discusión pública que se desenvolveu con réplicas e contrarréplicas no xornal La Noche hai 60 anos.

Todo comezou cunhas declaracións de Cunqueiro publicadas o 24 de febreiro en Faro de Vigo nas que, logo de visitar a principios daquel mes unha exposición de Tàpies na Sala Gaspar de Barcelona, declarou que a obra exposta lle parecera "lamentable y monstruosa".

Patiño, nun artigo publicado en La Noche o 3 de marzo baixo o título Desagravio gallego a Antoni Tàpies, rebate a Cunqueiro resaltando a, no seu parecer, enorme calidade da obra do catalán, considérao pioneiro da Arte Otro —corrente na que inclúe ao lugués González Doreste— e de "humanista do Informismo", descubridor de harmonías concisas e serenas, que crea e ofrece respostas estéticas desde o presente.

Confrontábanse así publicamente dous conceptos da arte e da súa función social claramente antitéticos. Axiña manda aviso Cunqueiro a través de Borobó para anunciar que responderá cunhas "poucas liñas, que o caso nono merez".

Faino cunha nota en La Noche o día 12 de marzo. Ao dito anteriormente engade máis consideracións pero aínda máis negativas sobre a obra de Tàpies. Pon en cuestión que o que fai poda chamarse pintura, que a terceira parte do que viu —afirma— eran "cristales recubiertos con papel de envolver" e que o resto "se descomponía en trozos de tabique más o menos encalados y en conjuntos de maderos mal ensamblados, pintados a brocha gorda con azul prusia o gris perla".

As consideracións negativas de Cunqueiro sobre a obra de Tàpies continúan pero tampouco desperdicia a ocasión para rogarlle a Patiño que non diga del que é un "estilista", signifique o que signifique a tal palabra.

Tardou bastante en publicarse a réplica de Patiño que non apareceu no mesmo medio ata o 4 de maio, nun artigo titulado Nueva nota sobre el tema Tàpies, aínda que asinado o 24 de marzo de 1960.

Despois dunha serie de pareceres sobre os erros que, ao seu xuízo, cometían os literatos abusando ou recreándose en imaxes e metáforas ao falar de pintura e de conceptos artísticos doutra época, conclúe Patiño "Y aquí termino lo que ya no debiera haber comenzado, a nuevas diatribas cualesquiera el carác ter que tengan, sobre Tàpies, haré de mis oídos tapias".

Raimundo Patiño, falecido prematuramente no verán de 1985, expuxo no Círculo de las Artes de Lugo a principios de 1983. Na ocasión, ao coincidir co 25 aniversario da fundación do grupo Brais Pinto en Madrid, do que el fora promotor, e co 50 aniversario do Museo Provincial reuníronse na cidade outros integrantes do Brais Pinto como Ramón Lourenzo, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro e César Arias. Tàpies, a excusa da polémica entre Cunqueiro e Patiño, é hoxe recoñecido como figura dun informalismo que un dos polemistas non entendía e o outro ensalzaba con indisumulado entusiasmo.

Comentarios