Opinión

As San Lucas vistas polos cronistas de Mondoñedo

As San Lucas.ÁLVEZ
photo_camera As San Lucas.ÁLVEZ

Cando entra o outono no calendario, tras a despedida do San Froilán de Lugo, alborexan no horizonte os días felices das San Lucas, feiras e festas cuxa orixe está nun privilexio que o rei Afonso VII concedeu a Vilamaior —actual Mondoñedo— o 9 de novembro do ano 1156. Vilamaior recibe entón o título de civitas e comeza a celebrar unha feira anual de oito días, en principio no mes de agosto. O traslado das feiras de agosto a outubro non sabemos cando se produciu. Non descartamos a hipótese de que sucedese o 20 de outubro de 1242, coincidindo coa data de consagración da catedral. Da importancia deste asunto, dirimir a data de inicio das San Lucas, derivou algunha polémica, precisamente entre cronistas.

Todo sucedeu en El Progreso. O día 14 de outubro de 1950 publícase unha nota remitida pola comisión organizadora das San Lucas titulada "Hace 725 años que Mondoñedo fue erigida en cabeza de diócesis" na que se fai unha declaración de intencións para, aproveitando a efeméride e a celebración festiva, tentar relanzar os mercados semanais e as feiras mensuais en Mondoñedo.

O 10 de novembro porfía Lence nun artigo Sobre las ferias y fiestas de San Lucas. Dos errores e rebate que non só son as máis antigas do Nordeste senón de toda Galicia. Tamén discute os datos sobre cabezas de gando e vendas ofrecidos polo veterinario Ángel García Sanz, pois el, apoiándose na voz autorizada dalgúns tratantes, considera que as cifras foron maiores. Amais, asegura que a orixe da diocese, en principio asentada en San Martiño de Mondoñedo, ten máis longa historia.

Ao número de cabezas de gando que acudiron á feira daquel ano e importe das transaccións responde o veterinario aludido nun artigo publicado o 17 de novembro baixo o título Ferias de San Lucas. Una aclaración y una confirmación.

O veterinario reafírmase nos datos que el facilitara fronte aos aportados polos que el chama «magos de la adivinanza»; ou sexa, polos tratantes, aínda que recoñece que houbo tratos clandestinos á marxe dos oficiais para evitar pagar as correspondentes taxas, o que el non comenta pois "hemos consultado a nuestra discreción y nos aconseja el silencio".

Cunqueiro entra no debate co artigo Dos o tres errores publicado o 21 de novembro pois considérase parte da polémica ao recoñecer ser o redactor da nota asinada pola comisión organizadora. Segue considerando que as San Lucas son as feiras máis importantes do Nordeste galego —non do Noroeste, como di que afirma Lence—. Tamén defende o cómputo dos 725 anos, citando fontes documentais para el solventes que ademais coñece o señor Lence pois mesmo lle foron traducidos por el mesmo e polo latinista Francisco Fanego. E aínda cita outras fontes en latín "que no traduzco, visto que el señor Lence no confía en mis latines y hace bien".

Non só non recoñece os dous erros que lle atribúe Lence senón que o acusa de cometer el tres. Pero vaiamos ao que íamos. Un dos cometidos dos cronistas oficiais é o de louvar as excelencias da terra que os distingue con tal honra, e As San Lucas son, por innumerables motivos de carácter histórico, social, económico e cultural, un dos grandes reclamos de Mondoñedo.

Por tanto, é obriga moral dos e das mindonienses en xeral, pero en especial dos seus cronistas, convidar a visitar e gozar da feira e da festa, da cidade e do concello en ocasión tan especial.

Os cronistas oficiais de Mondoñedo —e non só eles— dedicaron abondosos textos, publicados en diferentes medios, a pregoar as excelencias das súas feiras e festas maiores, as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas das que se manteñen desde tempos medievais en toda Europa. Non se pretende neste artigo facer un repaso exhaustivo do moito que aportaron os nosos cronistas senón unha breve síntese (que iremos dando a coñecer neste lugar en próximos artigos), resaltando algunhas achegas de entre os textos que produciron os catro cronistas que me precederon: Eduardo Lence Santar e Guitián, Álvaro Cunqueiro Mora, Xosé Díaz Jácome e Francisco Mayán Fernández.

comentarios