Opinión

As San Lucas segundo Lence

Cunqueiro e Lence Santar. EP
photo_camera Cunqueiro e Lence Santar. EP

Eduardo Lence Santar e Guitián (Mondoñedo 1879- 1960), foi cronista oficial desde o 25 de abril de 1917 ata o seu falecemento o 14 de xaneiro de 1960.

Lence comezou a pregoar as excelencias das San Lucas moito antes do seu nomeamento. Grazas aos textos da súa autoría sabemos que as primeiras novas sobre as San Lucas que aparecen referenciadas nos papeis datan do ano 1536, que o primeiro concurso de gando tivo lugar en 1887 e que as do ano 1895 contaron cunha publicación de seu e que se convocou por primeira vez un concurso literario. Por el tamén sabemos que o programa festivo, así como os concursos musicais, comezaron en 1887, e que os primeiros fogos de artificio, aínda que este dato pode non ser exacto, estouraron nas de 1888.

Grazas aos textos da súa autoría sabemos que as primeiras novas sobre as San Lucas que aparecen referenciadas nos papeis datab de 1536

Por Lence sabemos que en 1759, fuxindo do noutrora habitual mal tempo de outubro, pasáronse as San Lucas ao mes de agosto mais pouco durou o cambio pois en 1763 volvéronas ás datas tradicionais. Tamén nos conta que no século XVIII o feiral estendíase quince días; desde o 18 de outubro ao 1 de novembro.

Polas súas crónicas, publicadas en El Progreso e outros medios, temos datos detallados das cabezas de gando que movía a feira —contadas por milleiros entre poldros bravos, mulas, machos, asnos e eguas, maioritariamente— cobizadas polos tratantes procedentes de case toda a Península, así como dos produtos que se comerciaban no mercado paralelo. Lenzos e teas variadas, cestos ‘de varillas’ brancas e de cores, ‘de bringas’ e ‘de estelizas’, rocas e fusos, pratos, cuncas e culleres de madeira, peneiras, coitelos, fouciños e outras moitas ferramentas fabricadas polos artesáns das comarcas de arredor de Mondoñedo.

Lence quixo dotar as Feiras —como lles chamamos algúns— dunha publicación, e os anos 1941, 1942 e 1951 editou un xornal de catro páxinas denominado As San Lucas. Contiña textos propios e dalgúns colaboradores sobre temas históricos, principalmente centrados nas festas, aínda que tamén se trataban outros asuntos. Este xornal tivo continuidade da man doutro cronista en anos posteriores.

Comentarios