Opinión

Os alarbios

A palabra alarbio ou alarbe procede de al‘aráb, que quere dicir árabe ou alárabe. Como consecuencia da fobia contra os árabes usouse e úsase pexorativamente en Galicia e noutras partes da península con significados equivalentes a brután, bárbaro, tragón, xigante amedrentador, coa conseguinte conclusión de que se trata dun monstro capaz de calquera atrocidade. Nalgúns canzorros de igrexas románicas represéntanse árabes (alarbios, alarbes) infieis devorando piadosos cristiáns.
Nun romance de cego coñecido como “El alarbe de Marsella”, o protagonista mata o pai e a un irmán aínda neno, e a nai líbrase desa sorte porque lle bota unha maldición que o converte “en espantosa culebra, todo cubierto de pelo”, pés de cabalo, mans de león, cabeza de dragón, orellas de burro, botando polos ollos, boca e fociños “centellas de fuego”. De home só lle quedou a parte do peito.
Francisco A. Vidal xunto con Rosa B. Vizcaya son os recuperadores de dous relatos galegos protagonizados por alarbios. Compáranos a ogros caníbales, persoas de aspecto deforme, altos, fortes e tatexos que viven illados en casoupas no medio do monte. Os encontros con eles acontecen de noite e, curiosamente, en peregrinación a Santo André de Teixido e a Santiago de Compostela.
Nunha das historias, ambas recollidas en Palmeira (Ribeira), ían tres mulleres da beiramar camiño de Teixido. Fíxoselles de noite, cun tempo desapracible, desorientáronse e perdéronse ata que viron unha luz que procedía dunha casa na que vivían tres homes, a cal máis contrafeito. No diálogo que se establece, un xogo de equívocos, as mulleres interpretan que lles ofrecen de cea a cabeza da avoa e que cando queren fuxir — a desculpa era mexar fóra da casa— os homes queren atalas cun adival. As mulleres decátanse de que se trata dos alarbios e pensan que a súa vida está perdida se non escapan, o que logran a pesar de seren perseguidas polos homes que lles berraban: Acudide ao candil, maruxas!  
Noutros dos relatos, as protagonistas, que eran curmás e de Palmeira, ían a Santiago de Compostela. Como non daban chegado no día e tiñan que facer noite no camiño, petaron na porta dunha casa illada. Acolléronas, entraron e ao veren na lareira un pote grande, fervendo a cachón, sospeitaron. E como o recipiente lles pareceu grande de máis, preguntaron polo que estaban preparando. 
Un cativo que había na casa —os nenos nunca menten—, díxolles:
—Son as cachas da miña avoa! Matámola onte!
Imaxinen  o momento, a situación canibalesca. As pobres mulleres que tiñan que durmir precisamente ao arrimo da lareira, non sabían que dicir nin que facer; se escapar ou agardar a que as metesen na ola. Seica colleron as escasas pertenzas que levaban e fuxiron ao desamparo da noite.
Os alarbios ou alarbes son claramente, ata na denominación, os árabes invasores que fomos reconvertendo en homes salvaxes e antropófagos. A ambientación dos relatos, vencellada aos camiños de peregrinación máis importantes, Compostela e Teixido, non é casual. O monstro actúa onde máis dano pode facer pero a mellor defensa dáse sempre, como queda dito, en sede sacralizada.