miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

A orixe dos contos de Grimm

POUCAS lectoras ou lectores se preguntaran hoxe en día cal foi a fonte popular dos contos reunidos e publicados polos irmáns Jacob e Wilhelm Grimm. Quen llelos contaría! Foron, como aseguraban eles, informantes do común ou outro tipo de persoas!

Os Grimm comungaban coa ideoloxía do romanticismo tan de moda e como tales tiñan unha preocupación: transmitir o saber popular 'auténtico', ou sexa, o xenuinamente alemán. 

No primeiro volume dos seus “Kinder-und Hausmärchen” (Contos para a infancia e o fogar) publicado en 1812 non daban pistas sobre este particular e só afirmaban que as historias que publicaban viñan directamente da tradición oral, que foran rexistradas no condado de Hanau, en Kassel, Meno, Kinzig e arredores, de onde eles eran. A realidade é que os Grimm fixeron pouco traballo de campo e que as fontes do seu inmenso repertorio tiñan nome e apelidos. 

No prólogo do segundo volume publicado en 1815 xa incorporan o nome dunha informante, Dorothea Viehmann, sen atribuírlle textos concretos. Pero Dorothea só puido aportar contos ao segundo volume publicado en 1815 pois coñecérona en 1813. Era de orixe hugonote, vivía nun lugar próximo a Kassel e cada semana, de paso que ía vender os seus produtos ao mercado, visitaba os Grimm e contáballes historias. "Cada vez que vén —escribiron os Grimm— ofrecémoslle, ademais de cartos, un café e un vaso de viño, e vaise comentando o honor que supón que lle poñamos unha culler de prata para remexer o café". 

Habería que agardar ata 1895 cando Herman Grimm, fillo de  Wilhelm, revisou as notas orixinais do pai e atopou repetido varias veces o nome dunha tal Marie que el confundiu co de Marie Elisabeth Wild, vella campesiña analfabeta que traballara ao servizo da familia e á que se considerou ata finais do s. XX transmisora da maioría dos seus contos. Sen embargo, sóubose despois, a Marie á que se referían non era a 'vella Marie' senón outra moito máis nova, Marie Hassenpflug, quen, xunto coas súas irmás, Amelie e Jeanette, de familia burguesa e tamén de orixe hugonote, emigradas como os Grimm desde Hanau e Kasse, estiveran moi relacionadas con eles desde 1808.

Curiosas coincidencias! A fonte primordial dos contos que contaban as tres irmás era unha súa bisavoa, Marie Madeleine Debély (1713-1791), muller con orixes no Dhaufiné francés. Marie Madeleine chegara a Hanau logo dunha serie de circunstancias, entre elas para criar unha neta orfa que acabaría sendo a nai das irmás Marie, Amelie e Jeannette. Por esa razón, segundo o investigador Heinz Rölleke, moitos dos contos dos Grimm coinciden literalmente coas versións francesas dos “Contes de Fées” de Charles Perrault pero os Grimm non sabían nin tampouco recoñecerían que os seus contos “xenuinamente alemáns” tivesen orixe nunha comarca francesa! 

Na segunda edición de 1819, os Grimm cambiaron varias versións que lles contaran as irmás Hassenpflug por outras de Dorothe Viehman, crendo que eran máis auténticas, sen decatárense de que unhas e outras procedían, xeración arriba ou abaixo, da mesma comarca do sureste de Francia. 

A orixe dos contos de Grimm
comentarios