jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

O conto do enciño

ESTE 17 de maio, en vez de falarmos de Letras Galegas imos facelo de linguas, da galega en particular, sustento nutricio da nosa literatura. Moitas veces os mitos, lendas ou contos reflicten nitidamente as problemáticas sociais como sucede con este conto, un exemplo moi recreado na nosa e noutras latitudes onde hai conflito lingüístico.

Case todo o mundo o coñece. Fala dun mozo que marcha da casa por un tempo, xeralmente breve, e cando regresa esquecera a lingua e o nome de ferramentas de uso ordinario –neste caso o enciño ou angazo– na casa patrucial. Cóntase como un suceso real, citando lugares e incluso nomes de persoas e familias. As variantes son mínimas, só o destino do mozo ou moza muda –unha consecuencia dos cambios de costumes– desde unha curta viaxe a unha cidade ou a outra rexión, cumprir o servizo militar ou estudar nun Seminario ou na Universidade.

O conto, denominado xenericamente O fillo sabio e a lingua esquecida, clasificado no catálogo tipolóxico internacional como ATU 1628 é de difusión universal e ten especial éxito naquelas comunidades nas que hai diglosia, unha lingua inicial minorizada, empregada case exclusivamente polas clases populares, e outra de achego na orixe, usada imposta polos poderes dominantes.

Este mesmo conto cóntase en toda a península, en todos os continentes e case que en todos os países de África, Europa ou América coa única excepción, ao parecer, dos territorios monolingües como o inglés en Inglaterra.

Poñamos só dous exemplos ben distantes nos que a mesma lingua, o francés, —lingua de prestixio internacional— exerce a dobre función, unha como minorizada e outra como hexemónica. Un procede do estado americano de Louisiana e cóntano na comunidade francófona cajún cando o neno da casa volve da escola falando inglés. O outro tomámolo de Poitou-Charentes, rexión de Francia na que aínda se fala poitevino-saintongés, unha variante do occitano. Neste caso o protagonista viaxa a París e á volta recrimínalle que esquecese o nome do angazo e que fale francés.

É evidente que tras do gusto por repetir e transmitir este conto hai unha vontade resistente por manter a identidade lingüística como xa exemplificaba o P. Sarmiento en Colección de voces y frases gallegas no s. XVIII; o rapaz esquecedizo emigrara por uns meses a Castela.

O conto ridiculiza a quen se entrega á causa lingüística dominante e mediante un enxeñoso engano castiga o orgullo de quen se cre superior por importar unha lingua allea, hexemónica e de poder. Un breve texto que exemplifica a defensa da orde sociolingüística tradicional.

En Contos populares da provincia de Lugo (1963) cóntase así. Unha moza da aldea viaxou á capital e cando regresa aos dous días atopa o pai reparando un angazo. Ela pregúntalle: Que es eso, padre? Entón, o pai, en vez de responderlle, dille: Ponlle o pé aquí –sinalándolle os dentes da ferramenta– e xa cho di.

Ela, inxenua, obedece. Pousa o pé con brío nos dentes do enciño que reacciona como un resorte e estámpalle o mango con forza nos fociños. Entón acordou: Raio te coma, angazo!

O conto do enciño
comentarios