Opinión

Mondoñedo é... Luz

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Como sempre foi, será o 1 de maio, Día das Quendas, mais desta as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos. O espectáculo poético comezará as catro da tarde a través do facebook do Colectivo Mondoñedo É...

Cadaquén, acomodado alí onde se confinen as nosas vidas, coa certeza, amigas e amigos da palabra poética, de que os versos e as músicas que nos van ofrecer máis de dúas ducias de poetas veñen repositivados de alivio e boa saúde.

Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias, nunca que se lles negase aos versos recitados, como en tantas ocasións nas edicións pasadas,  o aplauso entusiasta dunha audiencia fiel e numerosa. Ningún virus, nin este nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía. 

Quen asistise a algún dos seis recitais precedentes terá na memoria milleiros de versos, declamados, cantados, ditos ao vento e aos oídos amantes da arte poética. Desde  pícaros, mozos e profesorado dos centros escolares que sempre nos acompañaron co seu crear, dicir ou debuxar, ilustradores (Caxigueiro, Caxoto, Vizoso, Artiaga, A. Puchades), premiados nos certames Díaz Castro e Leiras Pulpeiro, poetas da casa —criados no fermento literario de Noriega e Cunqueiro—, da Mariña —salitre suxerente— e as voces que ano tras ano nos visitaron vindas de aquí e de acolá como Manolo Rivas, Eva Veiga, Juan Carlos Mestre, Olga Novo, Yolanda Castaño, Reixa, César Morán, Miro Casabella, Rebeca Maseda, Henrique Rabuñal, Toño Núñez, Lois Pérez, Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Montse González, Paloma Suanzes, X. Rodríguez Baixeras e... unha infinita nómina máis aos que se suma Luz Pozo Garza.

Luz quixo estar e estivo dalgunha maneira no Mondoñedo é poesía 2015. Dous días antes da data, unha circuntancia persoal impediullo. Facíalle unha ilusión enorme estar e pediunos que o poema "Primeira memoria" que nos mandou para o Papel de Color que publicamos fose  expresamente "dedicado a Eduardo". Así o fixemos.

Desta vez, tamén en vésperas como en 2015, un inesperado contratempo acontecido o pasado día 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a Luz Pozo a posibilidade de acompañarnos. 

Desta, equivocouse o deus do destino. Luz, que é e sempre será poesía, vai estar na nosa memoría, vai ser a Luz que ilumine intensamente esta edición tan extraña e insospeitada. 

"Abrín os ollos / e sentín a chuvia polas tempas e a nuca / Cheguei cando o silencio oscila / para se erixir en pórtico do tempo / Unha forma interior compartía os movimentos / dos astros / e chegaban palabras / ríos escuros de ledicia / voces que traspasan os muros / navíos inocentes que fuxen nas pupilas / Abrín os ollos / e sentín a chuvia / Agora recordo unha praza baleira / por onde pasan ventos de saudade como unha man / coñecida e incerta / Lémbrome das rúas sen aristas / das pedras marcadas con líquenes / dos vaporiños que soan nas tardes de néboa / cando fica o peirao en sombras e silencio…".

Este ano Mondoñedo é... Luz, faro sempiterno da poesía.

Comentarios