Opinión

Lugo, capital da oralidade

ESTA PRÓXIMA fin de semana terán lugar na cidade de Lugo dous actos de grande importancia para a sección de literatura de tradición oral da AELG. O venres 23 celebraremos a VI Gala Mestras e Mestres da Memoria, e o día seguinte, sábado 24, a XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Ambas actividades desenvolveranse no salón de actos da Deputación.

Desde que a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) decidiu, co apoio das áreas de cultura da Deputación e do Concello, escoller Lugo capital galega da literatura de tradición oral estas dúas actividades constitúen o buque insignia do programa da sección.

Ano tras ano convocamos en Lugo as persoas consideradas merecentes de seren distinguidas co diploma de Mestras ou Mestres da Memoria, un recoñecemento público ao bo facer na transmisión de saberes.

Nesta ocasión as mestras da memoria son as compoñentes de Batuko Tabanka, as mulleres caboverdianas radicadas en Burela desde hai máis de corenta anos que souberon manter a memoria cultural e musical das súas orixes. O título de Mestre será para o xornalista coruñés, Emilio Españadero, quen ao longo de case tres décadas mantén o Lume na Palleira das nosas músicas de raíz nas ondas da Radio Galega. En ambos casos, distínguense auténticos Tesouros Humanos Vivos.

Acompañarannos para realizar os correspondentes laudatorios o profesor Bernardo Penabade e o polifacético Xurxo Souto, grandes e entusiastas animadores das traxectorias das persoas premiadas. A música estará a cargo de Raiceira, dúo lucense formado por Sabela Vázquez e Carme López, anovadoras da nosa música tradicional.

Se a covid o permite, ao día seguinte dedicaremos a xornada ao humor na literatura de tradición oral. Impartirán os relatorios recoñecidos especialistas como Quico Cadaval, Suso Lista, Paula Carballeira e Xosé Lois González O Carrabouxo. Todos eles, desde as súas experiencias profesionais, exporán e debaterán en mesas abertas á participación da asistencia sobre as características, tipos e peculiaridades do noso humor popular.

Desde o mundo do teatro e da escena, da escrita, da narración oral ou do humor gráfico, coa bagaxe acumulada por parte dos relatores, cremos que a proposta ha resultar de moito proveito para o limitado aforo permitido nesta ocasión. O remate poñerallo unha sesión práctica denominada Contaba morrer a cargo de Lois Pérez, vogal do consello directivo da AELG e recoñecido narrador oral, poeta e humorista.

Como nas edicións precedentes, despois de se celebrar a xornada a AELG editará as actas que se distribuirán impresas, amais de a socias e socios, a todos os centros escolares e bibliotecas da provincia de Lugo así como nas principais bibliotecas do país.

Contamos erguer así un chanzo máis no empeño en divulgar as manifestacións máis destacadas da nosa cultura e levar, coa imprescindible colaboración do profesorado que asiste ano tras ano, ás xeracións máis novas coñecementos, experiencias, inquedanzas e, sobre todo, estímulos para coñecer mellor de onde nos vén a memoria.

Un ano máis, Lugo volve ser o berce onde se abanan as esencias da nosa cultura tradicional.

Comentarios