lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

A confidente de Cunqueiro

Pouco, moi pouco, se ten falado desta muller. Nin Cunqueiro a cita moito pero si as veces suficientes para termos que reservarlle un lugar de honra cabo da memoria do mestre.

En 1980 nunha entrevista que lle fixo Pilar Cañás e que se emitiu en RNE, Cunqueiro responde a pregunta sobre quen lle fixera de confidente de neno ou a quen lle contaba os seus segredos e di que "quizais a  miña nai e a algunha rapaza da casa. Rapazas que chegaron á casa antes que eu nacese e que morreron sendo vellas na casa" para engadir que cita o nome dunha delas "porque debo citalo" que se chamaba Encarnación Teijeiro e que, engade, "exerceu sobre min —era unha soñadora— unha influencia tremeda, si". 

En Leria con Álvaro Cunqueiro cóntalle a Carlos Casares (Grial, 71, 1981) que Encarnación Teixeira (sic) era moi afeccionada aos contos de medo e que vira o anano de ouro do castro. Parece, lemos noutro lugar por boca de Carmiña, a irmá de Álvaro, que tiña unha gran imaxinación, pero onde nos regala Cunqueiro todo o afecto que chegou a sentir por Encarnación Teijeiro é nun artigo publicado en La Noche o 29 de setembro de 1960, titulado "San Cosme do Monte". 

Era frecuente que Cunqueiro lembrase nalgún escrito publicado por esas datas finais de setembro que fora ofrecido pola súa nai —ou así se di na maior parte das citas— ao San Cosme de Galgao (Abadín) pois cando tiña nove anos era alto pero tan esmirrado que apenas pesaba 45 quilos.

Neste artigo asegura que foi Encarnación á que o ofreceu por primeira vez a San Cosme e que alá foi el cunha cabeza de cera na man, para cumprir o ritual acostumado, poñer o santo e procesionar. Desde entón visitou moitas veces o santo avogoso da Xesta ao que, aínda que tardou en darlle gordura e fortaleza uns quince anos, lle quedou agradecido pois "Cosme fue lento pero seguro, y aquí estoy, incluso puedo decir que regordo y lucido".

Amais de recoñecer que lle debe a Encarnación Teijeiro a presentación diante de San Cosme, confesa que lle tivo moito cariño a aquela muller e que lle debe "un trato particular con la lengua gallega, que la aprendí de ella, entre cucharada y cucharada de requesón". Afirma que era unha muller intelixente e espiritual, que sendo analfabeta aprendera a ler co seu pai, e que falaba o galego propio dos mirandeses, apegado de asturiano, "o nenín querido" que sentía ser Cunqueiro de quen lle valera de mediadora para co santo milagreiro e tamén fonte de saber na lingua e das historias que nela se poden dicir.

Encarnación Teijeiro nacera en Espasande de Arriba, no concello de Riotorto. Botou na casa dos Cunqueiro uns corenta anos e era coñecida en Mondoñedo como A Totona. Trasladouse cos irmáns Cunqueiro desde a casa patrucial da Fonte Vella á da praza da Catedral, actual Casa Museo Álvaro Cunqueiro, e durmía no faio, no mesmo cuarto no que agora está a cama onde quen visita interpreta que durmía o escritor.

César, o fillo maior de Cunqueiro nacido en 1940, lembra os anos finais desta muller que faleceu arredor de 1950 cuns oitenta anos como unha sombra que subía e baixaba as escaleiras, liviá, supoñemos nós, como un sopro máxico.

A confidente de Cunqueiro
comentarios