Opinión

15 de agosto

Mentre eu acababa de nacer —seica tiven a miña nai cinco días ocupada—, aquel 15 de agosto de 1958 a xente lía nos xornais noticias como estas. 

As portadas ocupábaas a desaparición do avión holandés Hugo de Groot, un superconstellation da compañía K. L. M. que facía a ruta entre Amsterdam e Nova York. Perdéraselle o rastro no Atlántico tras despegar do aeroporto de Sannor en Irlanda con dirección a Gander en Canadá. Levaba 91 pasaxeiros e 8 tripulantes. Suponse que recibiu o impacto dun lóstrego. Non houbo superviventes. 

Entre os anuncios destaca o da bicicleta con motor Velosolex Orbea. Levaba depósito de combustible e aseguraban que cun só litro de gasolina podíase ir e volver entre a Coruña e Betanzos para ver como ascendía o famoso globo. En Lugo, cóntao El Progreso, organizouse unha competición entre unha Velosolex e unha bicicleta convencional que consistía en dar unha volta á ronda da muralla. Quen gañase levaba de premio as trescentas pesetas da aposta. 

Ambos vehículos presentaban anomalías. A bicicleta—antes de competir tiveron que reparala— tiña a roda dianteira pinchada e faltábanlle tres radios. A Velosolex non tiña freo e o motor ía suxeito tan só cun cinto. Os xuíces eran dous individuos montados en cadansúa moto, unha Vespa e unha Montesa. 

A saída que ía ser ás dez da noite desde San Roque demorouse ata as dúas da madrugada. A carreira foi igualada ata a Porta Miñá, lugar onde se desprendeu o motor da Velosolex, o que aproveitou o contrincante para gañar a proba con moita avantaxe. 

Houbo desquite. Cando os competidores pasaban á altura da Porta de San Pedro, os gardas municipais déronlles o alto pero dada a velocidade á que ían non puideron obedecelos. Tiraron ata a meta e desta volta tamén gañou o biciclista aínda que só por unha roda de diferencia. Non houbo sancións. 

E mentres o globo de Betanzos subía, o paracaidista francés Andernes Mosconi baixaba e establecía un novo récord ao tirarse desde oito mil metros sen máscara de osíxeno. A comisión de festas do barrio de San Roque de Lugo sumouse á moda dos globos e programou para este día a elevación dun xigante como o de Betanzos. Era a primeira vez que tal espectáculo se ofrecía en Lugo. 

Outros xornais prestaban atención a novas como o remate da sega na metade meridional mentres as crónicas da feira industrial de Bruxelas daban novidades como os primeiros pasos das enerxías de fonte solar, mariña, eólica ou xeotérmica. 

Outra preocupación: que fora do rato Wickie. A forza aérea americana lanzárao o 23 de xullo desde Florida acomodado nun proxectil dirixido ao Atlántico sur e aínda non aparecera. Xa fracasaran anteriormente co lanzamento de dous ratos astronautas. Cousas dos americanos! 

As noticias, como dixen, teñen os mesmos anos que cumpre hoxe quen llelas lembra e que se entretén —recoméndolles o exercicio— lendo como rodaba o mundo cando o saudei pro primeira vez no amencer de hai exactamente 64 anos.

Comentarios