Opinión

Un sudoku de siglas

As candidaturas que se están forxando en Sarria poderían bater un récord en canto a número e atomizar máis o voto
 

Presentación del grupo de Ciudadanos de Sarria. PORTO
photo_camera Acto público da agrupación sarriá de Ciudadanos, a última en presentarse. PORTO

OS AFECCIONADOS aos pasatempos están de noraboa en Sarria. Ante eles preséntase todo un sudoku ou unha sopa de letras de siglas políticas que, de confirmarse nos vindeiros meses, podería bater un récord en canto a número 
de candidaturas e dividir máis o voto con respecto ás últimas eleccións, nas que cinco partidos obtiveron representación.

Entre os que se lanzan ao revolto panorama político sarriao figura Ciudadanos, que acaba de presentar a súa agrupación local en Sarria co exconcelleiro popular Luis Álvarez Rey coma coordinador, para quen "as maiorías absolutas están finiquitadas por un tempo". O partido laranxa atópase en bo momento a nivel nacional e, en Sarria, acadou 607 votos nas últimas xerais, pero eses resultados non sempre poden extrapolarse ao ámbito local. Cun expopular coma cabeza visible podería captar afíns na dereita, pero da confección final da lista e dos aires de rexeneración que consiga imprimir dependerá o salto a outros caladoiros.

Nas eleccións de 2019 serán moitos os que se disputen os 1.252 votos que obtivo Compromiso por Galicia nos últimos comicios, que lles reportou tres concelleiros e a confirmación de que había espazo para unha nova forza que capitalizase o descontento cos grandes partidos. A propia agrupación local de CxG, agora renovada con Fátima Gómez coma secretaria xeral, intentará recuperar eses sufraxios, un obxectivo complicado tras os vaivéns deste mandato, nos que os tres concelleiros acabaron coma non adscritos. Ese mesmo motivo supón tamén un lastre para Benjamín Escontrela, Antón Fortes e Silvia Vázquez no caso de optar á reelección con otras formacións.

Tamén se prepara para dar o salto ás municipais o Círculo Podemos, con Paula de Santiago como secretaria xeral, unha cara nova que aspira a ser unha alternativa na esquerda, ao igual que En Marea, que se está valendo do seu grupo autonómico para levar ao Parlamento temas de Sarria.

Polo momento permanece sen desvelar o futuro de José Manuel Bello, o concelleiro de Independentes de Galicia, sempre cobizado por outros partidos pola súa capacidade para obter representación elección tras elección, con 703 votos nos últimos comicios. O popular Manuel Sangil, outras das incógnitas, mantense en silencio, pero aínda quedan moitos meses por diante e non se descarta que o seu tándem con Pablo López Barrera, antes do Partido Galeguista, acabe por derivar noutra proposta.

E todo iso a maiores dun PP que se dedica a agardar que o goberno se desgaste por si só, un PSOE que ostenta a alcaldía e ten frontes abertas no partido e un BNG que espera obter réditos das súas parcelas de poder.

Nun escenario tan amplo todo dependerá en gran parte da habilidade de cada político para saber colocarse no taboleiro e acertar no movemento de fichas para posicionarse ben de cara á resolución da partida. Pero, ao fin, corresponderá ao cidadán mergullarse nesa sopa de letras, intentar buscar as sete diferenzas e desentranar tal xeroglífico. Ábrese o xogo.

Sen canceira
A RENUNCIA da Deputación Provincial a construír unha nova canceira en Sarria e levala para Monforte é a consecuencia dun proxecto que non se soubo xestionar ben dende o goberno municipal, do cal os nacionalistas acabaron por desvincularse e que adoeceu dende os inicios de falta de diálogo cos veciños e de consenso sobre a localización. Con máis sentido común, o desenlace posiblemente fose outro.

Obras do metro
O SENTIDO do humor como método de denuncia que tantas veces aplicaron os cidadáns de Sarria aos problemas do día a día sae a relucir do novo coas fochancas que se suceden ao longo de Calvo Sotelo, nas que máis de un xa ve o inicio das obras do metro na vila. E é que realmente o deterioro desta zona, en pleno centro da localidade, urxe dunha solución antes de que a terra acabe por tragarse a rúa.

Proposta de sanción
A PROPOSTA de sanción de 200 euros que recibiron uns peregrinos por parte da Policía Local por non recoller os excrementos dos seus cabalos ao seu paso pola Rúa Maior de Sarria é unha medida necesaria para evitar este tipo de condutas. Non hai máis que mirar para as beirarrúas da vila para comprobar que moitos fan caso omiso ao que marca a ordenanza de limpeza e protección medioambiental.

Comentarios