Opinión

Novos aires para o antigo

NUN MUNDO globalizado, o diferente é o que vende. Cada cidade, cada vila, espreme as súas potencialidades como reclamo para atraer a un público sedento de novas experiencias coas que fuxir da rutina. Neste aspecto, Sarria ten o seu punto forte no Camiño de Santiago, pero tamén supón un feito diferencial a importante presenza do sector das antigüidades.

Media ducia de negocios fan desta unha vila con forte arraigo de anticuarios, coa particularidade de que a maioría se concentra na Rúa do Porvir, onde a vindeira fin de semana se celebrará a Feira de San Lázaro, adicada a este sector e organizada polo Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración de Sarria.

Esta rúa —que no século pasado foi un símbolo de progreso, con cine, cuartel, fábrica de gallegas, taller tipográfico, centro de ensino e unha forte actividade comercial— ten potencial para converterse de novo nun lugar de referencia, pero falta un impulso que se lle vén negando dende hai anos e ao que en nada contribúe a creación neste céntrico lugar dunha canceira que leva moitos meses en situación de provisionalidade.

A xenerosidade dun dos Fillos Predilectos de Sarria, o avogado José Sánchez Arias, e dos familiares do exalcalde Antonio Páramo fixo do Concello un dos principiais propietarios desta rúa, onde recibiu por herdanza ou doazón varios inmobles e soares que serían o lugar idóneo para a creación do primeiro museo de titularidade pública do municipio.

Os anticuarios xa amosaron en numerosas ocasións no pasado a súa predisposición a colaborar con este proxecto aportando pezas para a exposición e sería positivo que as distintas administracións puxeran os medios ao seu alcance para acadar este obxectivo.

Polo de pronto, a iniciativa privada é a que leva vantaxe na comarca de Sarria en canto a promoción deste tipo de mostras culturais. Aí están as experiencias de Álvaro Pereiro, impulsor do Museo da Pedra no Incio; de Marcos Vázquez, co Museo Integrado da Maquinaria Agrícola Clásica de Trasliste (Láncara), e de Pilar García e Javier Fernández, propietarios da Panadería Pallares de Sarria, onde deron vida ao Museo do Pan e recrearon unha antiga cantina.

As expectativas no que respecta á creación deste tipo de recurso turístico e cultural na comarca están postas tamén en Triacastela, onde Cova Eirós segue a dar satisfaccións, agora coa confirmación das súas pinturas rupestres como as máis antigas de Galicia. Aquí, o Concello acadou un espazo preto do albergue público, cedido polo Xacobeo, para habilitar unha exposición sobre este xacemento que oxalá poida ver pronto a luz.

Comentarios