Opinión

E para comer... Bar Manolito

Con 86 anos e 64 traballando arreo no sector da hostalaría, a chantadesa Guadalupe Linares retírase e deixa atrás o bar Manolito, un establecemento que fundou na Plazuela de Chantada no ano 1956 xunto ao seu marido Manuel Souto, finado en 2003. O establecemento trasladaríase despois, no ano 1969, á Coruña
Guadalupe Linares e Manolo Souto, fundadores do bar Manolito..EP
photo_camera Guadalupe Linares e Manolo Souto, fundadores do bar Manolito..EP

CANDO Guadalupe Linares casa con Manuel Souto, algo do banquete perdurou na súa mente e tamén na de todos os comensais. Unha tal Elvira alcumada A Requeixá realizaba tal maxia culinaria que sobre os pratos a elaborada comida adquiría un sabor e textura excepcional. Esta muller da familia dos Lucianos da Alameda era unha cociñeira á que chamaban en toda a provincia de Lugo para traballar en importantes eventos.

Corría o ano 1956 cando a parella decide inaugurar na Praza de Santa Ana, coñecida en Chantada coma plazuela, un restaurante. Lembra Lupe Linares que estaban "co meu marido os seus amigos Basilio da Moda, o médico Celita e Alfonso Matías decidindo ao unísono que o nome que debían de poñerlle era Manolito, sen máis" e así quedou bautizado. Por aquel entón, Manuel Souto era directivo do Círculo Recreativo e Cultural (que polo seu gran espazo acollía grandes eventos e vodas) e convenceu á Requeixá para que fose ao restaurante para traballar.

Celosa das súas receitas tradicionais, accedeu a ensinar a Lupe Linares, que tiña 22 anos. "Ela —sinala— merece unha homenaxe en Chantada. O seu xa non foi só unha cociña de aproveitamento, senón alta cociña con todos os pratos de tempada trufados: caza, angulas, troitas, callos, fabada...". Foi un período de iniciación e aprendizaxe para a moza Lupe Linares. Durante os anos a súa longa carreira evolucionaría. Profesionalizouse con cursos, conferencias e aprendeu de grandes cociñeiros.

O día chegou e a inauguración foi un éxito, coas tapas de callos e riles (estes chegaron a compralos en todas as carnicerías da Coruña pola alta demanda), apostando por pratos sempre de tempada con produtos da vila, como carne asada, cabrito, cocido ou cogomelos; e do mar, como pescada, sardiñas, luras ou ameixas. Coas obras do salto de Belesar figuraban entre a súa clientela fixa enxeñeiros como Luciano Yordi, veciños e amigos. Como non había calefacción, afirma Lupe Linares, "ao meu marido Manolito ocorréuselle poñer sobre unhas mesas dúas fontes de porcelana cheas de alcol queimándose para que o local tivese unha temperatura máis agradable".

Eran tempos difíciles. Os clientes demandaban "comida para fartar , transformándose co tempo a unhas racións máis equilibradas e sen graxas, rexeitando as frituras e con menús do día de tempada como as troitas ou a empanada de anguías. Para as festas patronais chamabamos a camareiros profesionais que viñan de Ourense".

Manolito ocupábase co seu don de xentes e oratoria de atraer novos clientes e afianzar os fixos, co seu bo carácter era, por dicilo dalgunha maneira, o relacións públicas da empresa.

XORNADAS. En pleno desenvolvemento, desde a Delegación Provincial de Información e Turismo de Alfredo Sánchez Carro en colaboración co Sindicato Provincial de Hostalería e a Comisaría de Abastecementos e Transportes organizan para decembro de 1967 un calendario gastronómico onde inclúen un logo que perdura hoxe
en día: "E para comer... Lugo". Para esta campaña promocional da cociña lucense fixéronse 5.000 cinceiros coa lenda para obsequiar aos clientes e 3.000 folletos.

Así florece a I Tempada Gastronómica Lucense, cuxa primeira semana estivo dedicada á zorza, "un dos máis ricos produtos da cociña luguesa —segundo a Delegación— que constituirá o prato base, pois se servirá tamén caldo galego, viño de Monforte, Chantada e Quiroga, augardente de Portomarín e queixos do país de San Simón, O Cebreiro e Friol".

Desde a institución dan os primeiros nomes dos participantes: bar Oviedo (Ribadeo), bar Manolito (Chantada), restaurante Leitón (Foz), Albergue de Turismo (Ribadeo), bar Verruga, restaurante Castroblanco, restaurante A Barra, bar Campos e restaurante Dens (Lugo).

Para eses anos, onde a bonanza hidroeléctrica estaba a apagarse, supuxo para a hostalería chantadesa un novo valor engadido tanto para o consumo como para o fomento da súa gastronomía tradicional. Para a inauguración da Semana da Zorza (que empezou no bar Manolito) pronunciou un pregón no Círculo das Artes de Lugo o escritor Álvaro Cunqueiro, que fixo un repaso aos produtos típicos como "a figura do chourizo lucense, roto polo garfo despois de cocido e saltando o seu mollo cal fogos artificiais no aire de calquera bodegón", ou da zorza e o porco, onde asegurou "que da mesma maneira que unha boa comida precisa sen dúbida un bo viño, así un cristián, se non come nin bebe, dificilmente será que se salve".

Cunqueiro pensa que esta xornada "pode marcar un fito na proxección turística da nosa Galicia" e pola noite apareceu na redacción de El Progreso unha comitiva composta por "o delegado Alfredo Sánchez, Sandal do restaurante Os Caraveis, Manuel González do restaurante Miño, Veiga do café España, Colmenar do restaurante
A Coruñesa, o propietario do bar Manolito de Chantada e o médico de Vigo, señor Amado". Alí, entre o asombro dos xornalistas, Cunqueiro empezou o ritual dunha queimada con augardente de Chantada, azucre e limón. "Sobre o aroma agridoce do augardente e limón queimados, alzouse a potente e fermosa voz do propietario do bar Manolito, que no argot popular deleitou ao respectable con varias cancións galegas e algunha outra, xa clásica, que sempre é grato lembrar".

En 1968 deciden celebrar a II Tempada Gastronómica, que constaría de nove semana. Unha delas foi a Semana do Lacón con Grelos. O pregón deuno no Cinema Yeca o escritor e xornalista José María Castroviejo, iniciándose no bar Manolito unha cea popular co seguinte menú: consomé de lacón, lacón con grelos, cachelos e chourizos, viño de Chantada e filloas, acabando este ano o ciclo do bar na vila e continuando como restaurante en 1969 na Coruña. Primeiro na Rúa Ramón y Cajal e anos máis tarde outro na Rúa Santiago Rey Fernández-Latorre.

En 2007, con motivo do seu 50 aniversario, realizaron unhas Xornadas do Arroz con diversas versións do produto: arroz caldoso de vieiras, boletus edulis e foi de pato, arroz con bogavante, risotto de chocos e gambón, paella valenciana, arroz cremoso de bonito, zamburiñas e espárragos trigueros e arroz de verduras con queixo cebreiro. De sobremesa, arroz con leite e castañas ao viño doce do ribeiro. Lupe Linares lembra que todos os pratos de tempada "preparabámolos con produtos locais. Como anécdota comentar que unha vez un camareiro serviu un mero e díxolle ao cliente que era de Chantada".

Agora, tras 64 anos na hostalería, esta muller loitadora e triunfadora xubílase aos 86 con múltiples recoñecementos para os dous, como a Medalla de Bronce de Galicia ou Mesoneiro do Lacón con Grelos. O seu marido, que deixou o mundo terreal en 2003, déixao claro no seu epitafio: Deuse aos demais… e foi feliz.

Comentarios