Opinión

Cumpreanos de Manuel María

O coordinador da asociación cultural Xermolos de Guitiriz lembra a Manuel María no día no que tería cumpridos os 91 anos
Manuel María
photo_camera Manuel María

Este luns celebramos o aniversario de Manuel María (6-X-1929), "despois de troulear no San Froilán", como cantou nun dos Poemas ao outono e xa festexado Francisco de Asís, unha das súas luzadas. A presenza do poeta sucédese nos días, segue a camiñar no corazón do noso pobo a través da paixón por Galiza e a súa obra: "Eu nacín no Outono cando o sol/é colleita total madurecida...". Este tempo tan xeneroso en froitas acae para desfrutar da creación de Manuel María, mesmo baixo As lúcidas lúas do outono, mergullándonos na señardade das elexías, odes, cancións..., aprendendo da súa sabedoría a valorar cada intre. 

É fermoso achegarse á súa escrita outonal para emocionarnos coa música e os recendos deste tempo, así en As grandes festas do Outono galego (El Correo Gallego, 10-X-1992) ou mesmo co seu teatro: Brevísimo Auto do Outono (1991). Vive en comuñón coa Nai Terra ao ritmo dos saloucos de todas as criaturas coma puiden sentir en moitas camiñadas en común pola Chaira, así nunha das últimas, abeirando o río Madalena e saboreando aquela arela que estaba a enxergarse na nosa sensibilidade: unir para sempre a creación que abrolla na Terra Chá co leito dos nosos ríos, e á súa luz marcamos o que ía ser o primeiro Hectómetro Literario, dedicado a Paco Martín

Foi un ano antes do seu pasamento, o 25 de outubro estabamos a festexar os 50 anos do Terra Chá, a biblia das e dos chairegos, e antes de escoitar a Manolo Roca sobre Economía e poboación no Terra Chá no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, mergullámonos nas entranas da ‘dona da Chaira’, da que nada lle era alleo, reflectida no lombo dun Madalena doce e cantareiro. Afondamos na relación de Agustín Fernández Paz e Bernardo García Cendán co río da súa nenez, penetramos na Chouzana de Pepe Chao, lembrando a enerxía emocional que destinou ás paisaxes escollidas para as romaxes. coma a do ano pasado neste mesmo paseo do Madalena, onde acreditamos a sorpresa do vate de Outeiro de Rei: "Estás feito de cantigas/pois só cantar vale a pena". 

Nesta andadura aínda estaba marabillado pola súa participación na romaxe do 2003 en Santa Sabela e no San Alberte de Parga co lema Venturosos os pés, onde nos enforteceu cos seus versos ateigados de beleza e loita a prol da nosa tribo, emporiso cadra coa súa presenza para sempre a vontade de visualizalo arestora en espazos tan significativos como a Casa da Cultura de Vilalba ou nun centro de ensino de Outeiro de Rei. 

Xa en marzo do 71, Xosé Luís García Mato escribía en El Progreso: "Vaise cumprir un dos meus sonos... Ven Manuel María, chamado polo Centro Cultural-Recreativo... Tenlle lei a Vilalba... O poeta do que vos falo deu probas do seu amor á Vila Alba".

Comentarios