Opinión

O río está a 20 centímetros de desbordarse

EN RELACIÓN cos sucesos acaecidos na tarde-noite do domingo e madrugada do luns, inundacións do río Xunqueira, morte da nosa veciña e socia Amparo e a situación na que está actualmente o leito do río, queremos clarificar a nosa postura e reclamacións ao respecto.

Con relación ás declaracións dalgúns políticos aos medios de comunicación, botando balóns fóra e dicindo que a limpieza do río non era a culpable do sucedido e achacándoo só a razóns meteorolóxicas, mantemos que esta afirmación non é certa; é só unha desculpa de mal pagador.

Porque tódolos anos se remite unha carta a Medio Ambiente, a Augas de Galicia e ao Concello de Viveiro pedindo unha limpieza do río antes dos temporais do outono, advertindo ao mismo tempo das consecuencias para os veciños de non facelo: atranco nas pontes e inundacións que suceden tódolos anos, pero non tan graves coma esta. A anterior fora a principios de decembro do ano pasado.

A tan só uns centos de metros máis arriba no río, vese claramente que houbo un atranco de árbores e un almacenamento considerable de auga que ao romper ocasionou unha vaga de auga, que rompeu muros, peches, garaxes, a presa do río da curtiduría do século XVII e todo iso achaiou a parte baixa do río no barrio vello en Xunqueira.

A auga por elo desprazouse á rúa paralela arrasando vehículos dun garaxe e de aparcamentos que tamén foron un obstáculo á saída das augas desbordadas, que imposibilitaron que algunhas familias non puideran saír da súa casa ata as dez da mañá do luns.

Na situación actual, o río Xunqueira, entre a ponte da estrada e a ponte medieval, está só a 20 centímetros de desbordarse cara á rúa colindante e inundar as casas que están máis baixas que esta rúa.

Se os pronósticos meteorolóxicos se cumplen, volveriamos a ter outro problema, por eso pedimos a Augas de Galicia, organismo responsable, que drague de forma urxente o río nesa zona e que desatranque o leito de árbores caídos na parte superior do río.

Queremos agradecer o comportamento do Concello de Viveiro, bombeiros, protección civil, policía, e a todos aqueles organismos que axudaron aos veciños durante estes días.

Tamén os nosos agradecementos aos políticos e aos medios de comunicación, que tratamos de atender da mellor forma posible.

Queremos dar o pésame aos fillos e familiares de Amparo, esperando que non volva a pasar nada parecido, e lembrando que era una persoa moi apreciada e querida en todo o barrio.

E por último agradecer aos veciños que, a pesar do sucedido, afrontaron a desgracia e axudaron limpando e arranxando na medida do posible as desfeitas sucedidas.

Tamén queremos recordar que o Concello de Viveiro ten unha oficina de reclamacións que estará aberta durante un mes, e aconsellamos os socios e veciños que fagan efectivas as súas reclamacións o antes posible.

A Asociación de Veciños Valdeflores de Xunqueira fará as reclamacións oportunas ante o Concello e Augas de Galicia, da forma máis inminente posible.

Comentarios