Alfonso Fuente: "A xustiza demostrou que todo o que se dixo sobre nós foron barbaridades"

Foron catorce anos nunha alcaldía que non estiveron libres de polémica. O desenvolvemento urbanístico que tivo o concello co despegue da construción marcou os seus mandatos e a súa vida, pero lonxe de renegar deles Fuente Parga defende que o obxectivo era facer medrar o concello e que hoxe eses edificios están integrados e xeran riqueza
Alfonso Fuente Parga. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfonso Fuente Parga. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Despois de levar en política dende 2003, cando concorreu de número dous na lista de Luís Fraga e foi elixido concelleiro, Alfonso Fuente Parga (Benquerencia-Barreiros, 1971), renuncia á súa acta de concelleiro e abandona a política por motivos profesionais.

Despois de ser alcalde dende 2005 e pasar a oposición en 2019, por que abandona neste momento a política?
A miña vida sempre foi profesional e sempre mantiven que os periodos de goberno deberían ser limitados por lei a un periodo que podería ser de dous mandatos ou de dez anos, pero regulado. A vida política debe ser unha etapa, pero non a vida toda e a min chegoume o momento de retomar a miña vida profesional. Xa en 2019 volvín á miña actividade na asesoría e agora a institución financeira coa que traballo ten unha filosofía que pasa por non participar activamente na política e é algo ao que teño que renunciar para asumir as novas responsabilidades que me ofrecen.

Tras tantos anos na política, non lle houbera gustado dar o paso fóra do ámbito local?
Sempre fun partidario de que unha persoa debería ter un só cargo e mentras fun alcalde fun iso, alcalde. Cando pasei á oposición tiven a oportunidade de poder ser deputado provincial, pero xa tiña claro que ía retomar a miña actividade profesional e, igual que noutras ocasións, propuxen que fora o meu compañeiro, que ahora será o portavoz municipal, o que fora á Deputación.

"Houbo quen demonizou o noso intento de facer que Barreiros medrara como Ribadeo, Foz ou Burela"

Seguirá vinculado ao PP?
Si. Cando eres afiliado e simpatizante dun partido político non cambias de ideoloxía aínda que nalgún determinado momento podas ter discrepancias. Puiden estar disconforme dentro do partido, pero sempre o dixen onde tiña que dicilo e sempre respectei aos presidentes do partido, tanto en Lugo como en Galicia. Penso que o PP lucense está facendo un excelente traballo e estarei á súa disposición para o que sexa necesario se así mo piden.

Como recorda os seus anos ocupando a alcaldía?
O máis bonito é ser alcalde do teu concello porque te elixen directamente os veciños e eu teño que agradecerlles que me deran o seu apoio para estar tres mandatos. Como alcalde tocoume vivir uns momentos de esplendor para A Mariña e para Barreiros en concreto, cando moitas persoas querían contar cunha segunda vivenda no municipio, que agora en moitos casos converteuse tamén na primeira. Foi un boom económico porque traballaba ben todo o mundo.

Refírese ao boom urbanístico.
Foi un boom económico que non inmobiliario, aínda que houbo quen atacou ao Concello por querer medrar e aspirar a ser semellante a outras localidades do entorno coma Foz, Ribadeo ou Burela. Houbo quen demonizou todo iso e conseguiron levarnos aos tribunais.

"Seguro que nalgún momento erramos e haberá quen nos recorde por esas equivocacións e quen o faga polos acertos"

Foron xulgados por prevaricación urbanística
Si, pero despois de todo o mal que o pasamos, os concelleiros e eu e as nosas familias, teño que agradecer que se houbera chegado aos tribunais porque a xustiza puxo a cada quen no seu sitio. Foi clara e demostrouse que todo o que se dixo sobre nós eran barbaridades e que non había nada que esconder. Foi un proceso moi longo, de dez anos, nos que tamén é importante recalcar que os veciños nos seguiron apoiando, e hoxe o que quedou é que os terreos valen menos e perdeuse actividade económica no municipio. Ademais, nós tiñamos iniciada a tramitación para derrubar os edificios que por mor da crise quedaron se rematar e hoxe, aqueles que urxían a facelo, non o fan e todo segue igual.

Pensa que será recordado pola súa xestión neste eido?
Teño a conciencia tranquila e para os que lles quedaran dúbidas, aí están as sentenzas. Os que dixeron mentiras sobre nós e que hoxe están no goberno, estirarán esa mentira para seguir no seu posto. Crearon un bulo que nos desprestixou. Serei recordado dese xeito por quen queira velo así, pero tamén haberá veciños que nos recorden por ter aberto a gardería, polos saneamentos que executamos, pola rede de abastecemento, polo depósito de auga, polas melloras nas carreteras, polos centros sociais que se acondicionaron en todas as parroquias e por moitas obras que quedaron feitas. Seguro que nalgún momento nos equivocamos e haberá quen se queira acordar deses erros e outros lembrarán os acertos.

Como o viviu a nivel persoal?
Foi duro, pero tés que aprender. O que mellor me facía sentir era ver como medraba Barreiros e hoxe en día eses edificios están dentro do entorno e crean actividade no concello as fins de semana.

Botará de menos a actividade política á que estaba afeito?
Non, retomei a miña actividade enseguida e cando estou cunha cousa, céntrome niso. Pero si que a miro con pena porque vexo unha pista de pádel pechada, o ximnasio tamén, os nenos sen escolas deportivas... e dóeme, pero hai que respectar o que decidiron os veciños.

Que cousas apreciaba máis de ser alcalde?
As mellores cousas son as máis insignificantes. Por exemplo, que a xente que contaba coa atención dos servizos sociais se sentira agradecida ou ver aso veciños das parroquias desfrutar dos locais sociais para facer as súas xuntanzas e celebracións. Non son moito de placas nin de propaganda, pero o traballo que se fixo nestes anos está aí.

"Dentro de dous anos hai eleccións e oxalá que Barreiros volva contar cun alcalde do PP" 
Esta renuncia deixa vacante a portavocía, que exercerá José Manuel Gómez Puente.

Deixa orfo o PP de Barreiros despois de tanto tempo.
O PP de Barreiros vai continuar con ou sen Alfonso. Sempre digo que me gustou chegar sen molestar a ninguén e que me vou sen facer ruído. Antes de min houbo grandes alcaldes coma Manuel Díaz Sampedro, que foi quen dalgún xeito me inculcou o mundo da política, e Luís Fraga, con quen entrei de concelleiro. Agora a portavocía será de José Manuel e estou seguro de que será un gran portavoz. Dentro de dous anos hai eleccións outra vez e a ver que pasa. Espero que Barreiros volva contar cun gran alcalde do PP.

Agora son momentos difíciles.
Si, hai que mirar da saúde, pero tamén da economía e a administración local é a que ten que estar ao lado do cidadán.

Comentarios