A xunta electoral prohibe un acto en homenaxe aos Mártires de Carral na xornada de reflexión

Teme "que se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto"

Monumento a los mártires de Carral. ARCHIVO
photo_camera Monumento aos Mártires de Carral. ARCHIVO

A xunta electoral provincial da Coruña denegou á Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galicia Vía Galega a celebración dun acto en conmemoración da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral o vindeiro sábado, día 27 de abril, por coincidir coa xornada de reflexión das eleccións xerais. Así, a xunta electoral alegou como motivo para non autorizar este evento "o risco de que no curso da manifestación se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto". 

O acto estaba previsto para o vindeiro sábado e, segundo os seus organizadores, íase representar a peza teatral Abril de Lume e Ferro, escrita por Manuel María, seguido dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires na localidade coruñesa de Carral.  "Desta forma, ante este recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galicia, Vía Galega opta por cambiar o formato do acto e a data, co que se limita a realizar unha ofrenda floral, o venres 26 de abril, ás 12.00 horas, ao pé do monumento aos Mártires", lamentou a organización. 

Neste sentido, a plataforma lamentou a prohibición destes actos xa que, ao seu xuízo, "coartan o dereito de liberdade de expresión" ao alegar motivos electorais "cando era unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral". 

Comentarios