Xosé Otero Canto gaña o Certame Nacional de Poesía do belén de Begonte

O xurado acordou conceder o segundo premio a María do Cebreiro Rábade Villar. Os galardóns entregaranse na clausura o vindeiro día 25
2020011521115678327
photo_camera Xosé Otero Canto.

O escritor da Ponte de Outeiro Xosé Otero Canto proclamouse gañador do XLIV Certame Nacional de Poesía do belén de Begonte -convocado polo Centro Cultural José Domíguez Guizán e dotado con 600 euros e estatuíña de Sargadelos- co seu poema 'Xesús e a crónica de Beria'.

"Nesta ocasión, adaptei unha lenda sobre as cidades asolagadas que se recolle no Códice Calixtino", explica Otero Canto, quen relata como Xosé, María e o neno "dan unha rodeada" ata Cospeito onde coñecen a "crónica de Beria" nunha pousada na que quedan a durmir.

Unha parada que fan xusto antes de acudir un ano máis ao belén electrónico de Begonte, "onde quedan abraiados" ante as obras de mellora que se executaron no interior e no exterior dun inmoble que cada ano alberga o Nadal chairego.

"Levoume moito traballo, este ano adiqueille bastante tempo", confirma o autor, quen xa é un clásico entre os gañadores deste certame, no que repite un ano tras outro. "Sempre digo que non vou ir, non vou ir, pero hai algo que tira de min cando chega o Nadal e non podo pasar sen escribir cousas destas nestas datas", di Otero Canto sobre unha paixón que lle vén "dende neno".

O xurado -formado por Jesús Domínguez Guizán, presidente do centro convocante; Xabier Rodríguez Barrio, escritor, e Xulio Xiz, xornalista- acordou conceder o segundo premio -dotado con 300 euros e estatuíña de Sargadelos- a María do Cebreiro Rábade Villar, de Santiago de Compostela e filla dos tamén escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro, pola súa obra 'Begonte'.

Ademais, pola calidade do traballo presentado, os expertos decidiron concederlle unha mención de honra, dotada con estatuíña de Sargadelos, ao poema 'Tiempo de Navidad', de Juan Lorenzo Collado Gómez, de Albacete.

CLAUSURA. Os premios deste clásico certame poético serán entregados no transcurso da clausura do Nadal en Begonte, un acto que se desenvolverá o vindeiro día 25, no centro cultural José Domínguez Guizán.

Durante o mesmo, tamén se outorgarán os galardóns do certame de debuxo infantil e do de xornalismo -cuxos autores premiados aínda non se fixeron públicos-,e tamén do XXX Certame Galego de Arte, que tiña como temática a loita contra a violencia de xénero, e no que resultou gañadora a artista Adolfina Mesa, asentada en Monterroso, grazas á súa obra 'Amor mortal'.

Comentarios