Xosé González Martínez: "Hoxe non hai empresarios como Antonio Fernández"

Xosé González Martínez. EP
photo_camera Xosé González Martínez. EP

Este colectivo, que agrupa a medio cento de empresas do país, organiza este mércores en Lugo, coa colaboración do Grupo El Progreso, un debate sobre a realidade e os retos da economía de Galicia, no que tamén se renderá unha homenaxe a Antonio Fernández López, fundador de empresas como Zeltia ou Frigsa e do colexio Fingoi.

Por que elixiron Lugo para esta celebración?
Hai dous motivos. O Foro Peinador celebra o Día da Galeguidade Empresarial que ten como finalidade lanzar unha mensaxe ás empresas para que incorporen á súa responsabilidade social corporativa a cultura e a lingua do lugar no que están, que en Galicia é o galego. Que a negociación colectiva, as nóminas, a sinaléptica, a telefonía, a páxina web, o etiquetado... sexan en galego. Non é de recibo que en Galicia haxa empresas que non utilicen o galego nas súas mensaxes publicitarias, nin que non teñan en conta a lingua dos consumidores. E porque en 2020 celebrarase o 95º aniversario do primeiro Congreso de Economía de Galicia, que tivo lugar en 1925 en Lugo, e que marcou un antes e despois no seu tempo.

Por que o marcou?
Expertos de agricultura, turismo, mar, infraestruturas, industria, investigación... estiveron durante tres días reflexionando e estudando como deseñar a Galicia do futuro. Foi a primeira vez que se contemplou Galicia como unha realidade universal e se abordaron todos os aspectos para que houbera un desenvolvemento económico integral que superara as diferenzas entre a Galicia interior e a da costa, a vertebración do territorio cunha rede de estradas e de camiños de ferro para que quedara ben comunicada... Algunhas daquelas propostas aínda se están a facer, como as estradas na provincia de Lugo, e outras non, como os camiños de ferro.

Esta cita marchará para Ourense.
O Día da Galeguidade Empresarial terá a súa continuidade o venres no polígono industrial de San Cibrao das Viñas en Ourense, onde está a empresa Rodríguez López Auto, que ten 300 traballadores e unha cota de mercado no seu sector do 65%, que se adica a carrozaxe de ambulancias e vehículos de emerxencias e de intervención policial. Escenificaremos a galeguización empresarial. O seu director xeral anunciará as medidas que adoptará para incorporar a lingua galega a distintas actividades da empresa, como que o manual de instrucións das ambulancias vaia en galego.

Por que tributan unha homenaxe ao empresario lucense Antonio Fernández López?
O persoeiro que eleximos para adicar este Día da Galeguidade Empresarial é Antonio Fernández López. Zeltia foi unha das primeiras empresas en utilizar o galego en publicacións. O seu Calendario ZZ era unha divulgación da cultura popular, pero tamén dos coñecementos científicos. Antonio Fernández e os seus irmáns participaron naquel primeiro congreso. Por iso construíu unha planta de cemento en Oural, porque se falou de aproveitar os recursos do subsolo, ou fundou Zeltia porque se precisaba investir na investigación dos andazos do gando e do campo. Foi ademais un mecenas da cultura galega e un renovador pedagóxico, primeiro coa Granxa Barreiros e despois co colexio Fingoi, que foron experiencias innovadoras fronte ao paupérrimo sistema educativo do franquismo.

Hai hoxe en día empresarios tan comprometidos con Galicia como Antonio Fernández, Paz Andrade ou Álvaro Gil?
Desgraciadamente non. Eses empresarios tiñan unha visión moi completa do que era o país. Antonio Fernández axudou a fundar a revista Economía de Galicia, en 1950, a primeira que tivo como obxectivo un modelo de desenvolvemento económico de Galicia. Foi a mellor da Península Ibérica adicada ao estudo da cronificación económica. Antonio Fernández foi un epígono daqueles que querían unha Galicia máis harmónica, superadora do desequilibrio territorial, que hoxe en día aínda temos entre o interior e a costa. O despoboamento do rural é froito dese desequilibrio. Ademais tiña claro que non se podía acadar ese desenvolvemento económico sen a defensa da identidade cultural e lingüística de Galicia.

Non corren bos tempos para o galego nin para as empresas.
Non corren para o galego, por iso queremos que teña un maior protagonismo nas empresas. E a economía é cíclica, unhas veces vai á alza e outras á baixa. Iso é dinámica do capitalismo. Pretendemos lanzar unha mensaxe as empresas para que incorporen a cultura e a lingua galega» Desgraciadamente non hai empresarios como Antonio Fernández López, que tiña unha visión moi completa do país»

Comentarios