"A xente está intranquila, son catro igrexas profanadas en 3 días"

O cura melidao Francisco Moreiras amósase preocupado polos actos vandálicos en dous templos do concello e outros dous de Toques
Danos na capela do Castelo. EP
photo_camera Danos na capela do Castelo. EP

A reiteración de asaltos en igrexas de Melide e Toques preocupa entre a veciñanza. Nos dous primeiros, na noite do domingo ao luns, víronse afectados os templos melidaos do Castelo e Santa María de Campos, e pouco despois, na madrugada de mércores, ocorreu o mesmo nos de San Antolín e Santa Uxía, no veciño concello de Toques.

Á fronte dos oficios relixiosos nos dous primeiros está o párroco Francisco Moreiras, quen entende que "a xente estea intranquila, porque son catro igrexas profanadas en apenas tres días". En Melide, tras forzar as portas para entrar, o botín limitouse a un libro litúrxico e vestimentas dos curas, logo de que os asaltantes, que tamén causaron destrozos, non atopasen diñeiro nos petos. Precisamente, Moreiras chama a atención no feito de que o modus operandi destas accións, que investiga a Garda Civil, non foi o habitual neste tipo de incidencias.

Así, explica que os ladróns adoitan rebentar eses petos para levarse as esmolas dos fregueses, pero esta vez, non sabe se por "enfado por non haber nada neles" ou para "facer algún ritual", accederon aos sagrarios e tiraron polo chan as hostias consagradas. "Os fregueses veñenme preguntar que pasou e manifestan o seu pesar", di o párroco como proba desa inquedanza veciñal.

O concelleiro melidao de seguridade cidadá, Xosé Igrexas, sinala que a raíz destes feitos a Policía Local intensificou a vixilancia, pero explica que os medios son limitados e este tipo de delictos son competencia doutros corpos de seguridade, cos que ten previsto reunirse en breve para profundar na coordinación entre efectivos.

Comentarios