Xacio Baño ambienta a súa primeira longametraxe nunha rapa das bestas

'Trote', protagonizada por María Vázquez, comezará a filmarse o luns en Negreira e Moraña
Xacio Baño repasa o guión co seu equipo, onte en Ponte Maceira
photo_camera Xacio Baño repasa o guión co seu equipo, onte en Ponte Maceira

Xacio Baño (Xove, 1983) comezará o luns a rodaxe da súa primeira longametraxe, ‘Trote’. Ao longo de catro semanas filmará un drama sobre unha muller que experimentará o prezo de «elixir a liberdade», indicou o realizador.

Carme é unha muller que se achega aos 40 anos e leva anos coidando a nai enferma e acompañada polo seu pai, un sententón co que non se fala, nunha casa apartada no medio do monte, «nun lugar imaxinario no medio de Galicia». A morte da nai provoca o regreso do seu outro fillo, Luís (Diego Anido), que marchara traballar en Madrid, e prende en Carme a dúbida entre se debe vivir a súa ou quedar na casa atendendo a responsabilidade da familia.

O director rexeita que ‘Trote’ sexa unha película de personaxe, nega que se centre na peripecia de Carme, que será a actriz María Vázquez (Carballedo, 1979) . Refrenda o seu carácter de «película coral, de pais e de fillos; na que os personaxes son coma cabalos, porque se rozan, se marcan, e se fan dano».

A protagonista «ten un instinto animal que lle sae a borbotóns, ten que domalo e ten que domar a parte animal que a anima a correr para descubrir o mundo». O pasamento da nai «é a porta de fuxida, o que lle permite escapar con todo o que iso implica de preguntarse se a súa decisión está ben ou mal, se lles fai dano ao seu irmán e á familia».

Ese conflito convive co de Ramón (Celso Bugallo), que, dende que envelleceu, «xa non manda, non ten o poder, e non atopa o seu sitio na sociedade, non sabes quen é».

O seu fillo Luís non padece esa desubicación «porque foi un animal e escapou, pensou en si mesmo para ser feliz». Sen embargo, «afronta o pasado coma un animal ferido. Non se sentía aceptado pola sociedade tradicional, atopou o atranco do poder, de quen manda». O director apunta que é un modelo para a irmá «para ben e para mal» porque se «borrou, pasou da nai e da familia, deixoulle o problema a Carme».

CASA. A maior parte do drama vaise desenvolver no interior dunha casa rural que carece dun lugar concreto na película e que o equipo vai rodar nunha vivenda rural de Ponte Maceira (Negreira). Xacio Baño vai «xogar coas ventás, coas portas, coas cancelas e cos muros, que impiden ver dende fóra». O efecto que busca é que «os actores poidan estar en silencio e tranquilos» para darlle vida a ese «drama soterrado».

Completan o reparto a lucense Melania Cruz, que será unha amiga de Carme; Tamara Canosa, a parella de Luís, e Fede Pérez, que fai de veciño que traballa de panadeiro.

Esa casa, «que é coma un curro», non encherá toda a película. A cinta arranca coa preparación dunha rapa das bestas. «Estivemos percorrendo Galicia para buscar unha rapa axeitada e, ao final, escollimos a de Amil, en Moraña, polo respecto ao animal, polo lugar, polas sombras e polo espazo para rodar», explica o director.

FUTURO. Xacio Baño adiantou tamén uns apuntamentos sobre ‘Ana e o futuro’, a súa próxima película, sobre a que di que «vai ser un proxecto máis ambicioso que ‘Trote’, vai ser unha ficción pura e dura sobre unha saída do cárcere».

Ana é unha muller de 35 anos que regresa á súa cidade nun verán. Atopa ás amigas, que a reciben con frialdade; aínda que unha delas lle organiza unha festa.

Baño di que trata «da nosa loita contra os nosos erros como o elemento que nos fai humanos».

Comentarios