Un deseño con fondas raíces

Javier Torres Lodeiro é o autor do logo que dará imaxe á Carreira Popular de Guitiriz, un traballo no que a ponte de San Alberte, a auga e unhas deportivas son os seus principais elementos
Javier Torres Lodeiro, co logo gañador. M.MANCEBO
photo_camera Javier Torres Lodeiro, co logo gañador. M.MANCEBO

O deseñador de interiores Javier Torres Lodeiro, natural de Sambreixo de Parga, tirou de raíces para crear un logo que dará imaxe á Carreira Popular de Guitiriz, tras ser escollido por un xurado conformado polo deseñador gráfico Marcos Figueroa; polo ilustrador e artesán da madeira e da pedra Xabier Varela e por Pilar Iglesias Ares ‘Pilaria’, profesora de artes plásticas.

O Concello de Guitiriz decidiu promover un certame para seleccionar o logo máis representativo, un concurso ao que concorreron preto dunha vintena de participantes, e no que Torres Lodeiro conseguiu a victoria cun deseño no que a ponte de San Alberte, a auga e unhas zapatillas deportivas son os seus principais elementos.

"Vin que había o concurso a través da páxina web do Concello e decidín participar para aportar algo diferente", explica o autor, que era a primeira vez que decidía sumarse a unha iniciativa deste tipo. Fíxoo principalmente "polo vínculo" que ten con Guitiriz.

Así, decidiu elaborar un deseño que trata de destacar "os elementos máis importantes do Concello", segundo defende Javier, quen ademais quixo facer un guiño á súa parroquia natal e introducir a ponte de San Alberte, un emblema que tamén ten un peso importante dentro "do Camiño Norte de Santiago" ao seu paso por Guitiriz, unha vila de auga.

Javier Torres presentou ao xurado dúas opcións: en branco e negro e en cor. "As cores tamén tratei de relacionalas co Concello. O tono da pedra para a ponte, o verde da natureza...", explica o creador, quen buscou unha tipografía axeitada e acorde para facer un logo o máis completo posible, aínda que non descarta que esta poida variarse para igualala á que emprega a administración local habitualmente.

A elección do xurado colleu por sorpresa a este guitiricense, que dende hai cinco anos ten a súa propia empresa de deseño de interiores. A través dela fai traballos en distintos recunchos de Galicia, e tamén tivo ocasión, con colaboracións puntuais, de participar en proxectos en Madrid ou en Mallorca. Quizais ser o autor do logo da Carreira Popular de Guitiriz lle abra novas portas.  

Comentarios