Tres décadas nas ondas

A pontesa Radio Eume, das poucas emisoras municipais que resisten, acaba de cumprir 30 anos con millóns de informacións, historias e anécdotas aínda por contar 
photo_camera Integrantes de Radio Eume. C.ARIAS

Hai 30 anos Radio Eume estreouse nas ondas. O tema Compañeiros, do grupo de música folk Xorima foi o  primeiro en soar. Xose Cendán, o actual director, estaba de locutor, Pablo Paz era o técnico e Fina López, a directora. Era o 11 de novembro de 1989, ás 12.00 horas, e aí empezaron millóns de minutos de historias,  informacións, música e anécdotas nunha radio que aínda ten moito que contar.

Radio Eume, onde actualmente traballan catro persoas (Xose Cendán, Miguel Bouza, Miguel López, Rash, e  Majo Pita) e pola que pasaron moitos nomes e apelidos, é das poucas emisoras municipais que resiste ao  paso do tempo e ás novas tecnoloxías. 

Empezou como empezan as cousas, entre casualidades. "Había inquedanzas entre algúns  radioafeccionados  e ao concelleiro Fermín Paz ocorréuselle facer un obradoiro de imaxe con Fernando Fresco e un padroado de radio local. E en FP estabamos facendo probas de gravación nun  casete", rememora Xose, nesa maraña de aleteos de bolboreta que son capaces de cambiar as cousas.

"O Concello apostou, fixéronse probas, sacáronse as prazas e empezamos a emitir de 10.00 a 14.00 horas e en cuestión duns anos tamén polas tardes", explica unha voz recoñecible para calquera pontés, que indica  que, aínda que agora emiten 24 horas, aparte do informativo ás 13.30 e ás 19.00 horas e algunhas  entrevistas, é máis radiofórmula.

"Antes si que había programación ", recordan os catro que se encargan de manter en pé un estudo que  quedou ancorado no tempo, pero que sigue vivo. As cousas cambiaron moito. Antes, cando a xente gravaba  as cancións nunha cinta como o seu tesouro, a radio era unha porta aberta a un panorama musical sen límites, que agora cada un leva encima nun móbil.

"Isto foi unha especie de local social, sempre cheo de xente", din. E recordan infinitos programas, de todos os estilos musicais —do clásico, aos temas de orquestra dende O Campo da Festa ao A toda máquina, o programa de dance que aínda se emite—, de cine, historia, humor ou cotille’. En Avantal, catro mulleres falaban de revistas do corazón e o Vou casar facilitaba a organización das vodas.

"Recibíase moito correo e despois chamadas para dedicatorias de cancións ou felicitacións", recordan, mentres falan do club infantil Os Meteoros ou do Club de Amigos da Radio. Tamén dos concursos nos que  colaboraba o comercio local, dunha radio que traspasaba as fronteiras das Pontes e da televisión local, que  se creou dous anos despoios e incorporou máis caras novas.

Chegou a haber 42 persoas facendo programas na radio. E houbo colaboracións curiosas, como Moncho  Valcarce, que falaba baixo o pseudónimo Doutor Argallo, ou Enrique Rivera Rouco, o cronista oficial da vila.

Imaxinaban chegar aos 30? "Era máis fácil pensalo daquela que agora", din, pero a radio, que revolucionou  dun papel "máis popular a un máis institucional", continúa soando. E haberá conmemoración: un mural na  Avenida de Ferrol e unha probable maratón radiofónica.

Comentarios