Susana López Abella: "As vítimas do machismo vense máis apoiadas e denuncian máis"

A responsable de Igualdade da Xunta avoga pola sensibilización desde as institucións e o fomento dun "espírito crítico" na cidadanía para tratar de lograr un cambio nas "tendencias machistas" 

Susana López Abella. PEPE FERRÍN
photo_camera Susana López Abella. PEPE FERRÍN

Nunha mesma fin de semana de agosto notificáronse tres presuntas agresións sexuais. Hai un repunte destes delitos no verán?
Cando existen grandes eventos, como festas populares ou festivais, as mulleres teñen unha maior posibilidade de sufrir agresións físicas ou verbais. Pero non falaría dun momento puntual no ano, senón que temos que estar previdos en calquera época.

Responde esta percepción a que se dá maior visibilidade a estes casos ou hai máis concienciación?
Unha enquisa da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais informa de que só se denuncia un 20% dos casos. Isto débese a un medo para ser victimizada ou cuestionada. Por tanto, creo que nos últimos anos, coas campañas de sensibilización, hai unha maior conciencia e tamén se denuncia máis, porque as vítimas se senten máis apoiadas socialmente. O labor dos medios tamén é importante, xa que puxeron o problema en primeiro plano. Hoxe, unha noticia deste tipo, que nos rompe a todos, abre o xornal, cando hai anos era un tema tabú ou se trataba como un ‘crime paixoal’.

Adoita recalcarse que o aumento de denuncias é un dato ‘positivo’.
Si, e desde as administracións instamos a denunciar para que poidamos apoiar.

En Galicia, espazos turísticos tan concorridos como o Camiño deben ser outro foco de atención?
Si. De feito temos un acordo de colaboración entre Turismo e Igualdade que se vai a plasmar nun proxecto para que no Camiño se coñezan os recursos contra as agresións sexuais e a violencia de xénero que existen en Galicia.

"O 8-M denota que a sociedade non quere permitir a violencia de xénero, nin as agresións, nin o dominio machista"

Di observar tendencias "cousificadoras e machistas" nas redes sociais, a música e os medios. Imos a peor ou a mellor?
Insisto moito no espírito crítico das persoas. Cando temos diante un programa de televisión machista, temos a posibilidade de apagalo. Pero non podemos poñerlle portas ao campo. Non se trata de prohibir, porque estamos nunha sociedade libre. O que temos é que sensibilizar.  

Que opina sobre a cancelación de concertos por letras machistas?
Cando os concellos ou as asociacións de veciños organizan as súas festas escollen a súa programación musical. E paréceme ben que se decidan por un ou outro artista dependendo das súas actitudes e das mensaxes que lanzan. Non se trata tanto de prohibir como de tomar unha decisión sobre o que se quere.

Hai que traballar entón no espírito crítico das institucións?
As institucións temos que ser exemplares e, cando cometemos un erro, aceptalo e cambiar de rumbo. Sobre todo neste tema, onde o gran consumidor dos festivais é xente nova.

Manifestacións multitudinarias como a do pasado 8 de marzo abren unha porta ao optimismo?
Por suposto, porque denota que é unha sociedade que non quere permitir baixo ningún concepto a violencia de xénero, nin as agresións sexuais, nin o dominio dun home sobre unha muller.

Algúns detectan certo rearmamento machista en resposta á forza dos movementos feministas.
Calquera home cunha conciencia igualitaria, e que cre na liberdade e o respecto, non se sente ameazado por ningún movemento. Máis aínda, súmase a el. 

Por que malia a estas medidas, ao pacto de Estado e a todo, seguen morrendo mulleres a mans de homes? Este ano van tres en Galicia.
Debemos traballar na concienciación social das familias e da contorna veciñal. En Galicia iniciámolo hai dous anos traballando no ámbito veciñal, que é moi forte, con campañas coas asociacións, os xestores de leiras ou a sociedade de auditores sociolaborais. Por outra banda, en ningún destes casos había denuncia previa ou de asesoramento nun Centro de Información á Muller (CIM). Temos que incidir nese ámbito: se unha muller se sente ameazada, que polo menos tente informarse e chame ao 016; que se a familia ten indicios trate de apoiala; que os veciños non miren cara a outro lado se detectan algo. Tratamos de cubrir esas lagoas.

Pódese protexer de xeito efectivo ás máis de 3.000 mulleres ameazadas rexistradas en Galicia?
Hai varios ámbitos: están as forzas e corpos de seguridade, que dependen de Interior e fan un labor impresionante; o ámbito xudicial, que dita medidas cautelares coas ordes de protección e afastamento; e o ámbito social, onde entran a Xunta e os concellos con medidas como a rede de casas de acollida, os 81 CIM ou as axudas económicas. Entre o 80 e o 85% destas danse a mulleres con ordes de protección ou medidas xudiciais; o resto, por informes dos CIM e dos servizos sociais municipais que traballan con mulleres que, en moitas ocasións, non son capaces aínda de dar o paso de denunciar, polo que se lles ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico. Esta rede de protección temos que mellorala, por exemplo en casos nos que a vítima tarda máis do necesario en ser atendida, pero traballamos para cubrir ao cento por cento destas mulleres e aos seus fillos, para que non sentan sós.

Contémplase crear máis xulgados específicos, como se reclama por exemplo en Lugo?
A Dirección Xeral de Xustiza está ocupada nesta necesidade, que está recollida no pacto de Estado e que o vicepresidente trasladou ademais ao Senado.

En España, case un terzo dos feminicidios ocorreu en poboacións con menos de 10.000 habitantes. Por que esta lacra afecta proporcionalmente máis ao medio rural?
Porque son comunidades máis pequenas, con máis dificultades para denunciar e onde hai certa prudencia á hora de perder a intimidade. Por iso modificamos o decreto que acredita os CIM para que poidan atender a mulleres non empadroadas no concello para preservar a súa privacidade, intensificáronse os recursos no medio rural con centros accesibles pero apartados das zonas máis poboadas e coa creación da mesa de coordinación interinstitucional, e traballamos coas asociacións de mulleres rurais. 
Verán 

Comentarios