Os servizos sociais de Sarria ofertan de novo este curso o programa de madrugadores

O concelleiro Escontrela reuniuse coa deputada de igualdade para solicitar financiamento para esta iniciativa, que tamén reclama o PP
O concelleiro Benjamín Escontrela e a deputada María Loureiro. EP
photo_camera O concelleiro Benjamín Escontrela e a deputada María Loureiro. EP

O departamento de servizos sociais do Concello de Sarria ofertará de novo este curso escolar o programa de madrugadores nos dous centros públicos de ensino da vila, o Ceip Frei Luis de Granada e a Escola de Educación Infantil, segundo anunciou o concelleiro desta área, Benjamín Escontrela.

O edil mantivo onte unha reunión coa deputada provincial de igualdade, María Loureiro, para presentar o novo proxecto de conciliación laboral e familiar de Sarria, redactado por Cristina Galende, e solicitar financiamento por parte desta administración para a súa posta en marcha.

Segundo explicou, trátase dun programa no que primarán as actividades que incidan na igualdade, ruptura de roles e estereotipos, horarios adaptados de mañá e tarde, e protocolos sanitarios.

Escontrela valorou tamén a resposta da deputada, consciente das necesidades das familias, das loitas da muller e da importancia da área de benestar social, dixo.

Dende o grupo de goberno manteñen outras decisións de cancelacións de actos debido á situación sanitaria

O concelleiro avanzou que o servizo de madrugadores se impartirá na antiga Escola Fogar e no parvulario e que comezará este mesmo mes, nunhas datas que se anunciarán en breve.

O Concello de Sarria en días pasados acordara a suspensión deste programa de conciliación, que finalmente se retoma. O PP reclamou tamén este martes a inmediata posta en funcionamento deste servizo na liña doutros municipios da provincia. O partido insistiu en que se trata dunha prestación necesaria para as familias e asegurou que, no caso de non ofrecerse, levará o asunto ao pleno.

PISCINAS E XORNADAS. Dende o grupo de goberno manteñen outras decisións de cancelacións de actos debido á situación sanitaria causada pola crise do coronavirus. Deste xeito, as piscinas climatizadas do Chanto non abrirán de momento nin tampouco o fará o centro de maiores Breogáns.

Outro dos eventos de longa tradición en Sarria son as Xornadas Xurídicas Román García Varela, con 13 edicións celebradas, que inicialmente estaban programadas para xuño e que foron aprazadas ata principios de outubro por causa do Covid-19. Non obstante, e ante a aparición de novos casos de contaxios por coronavirus, as xornadas tampouco se celebrarán no vindeiro mes, de modo que quedan pendentes para o vindeiro ano. A temática prevista nesta edición era a igualdade de xénero no ámbito xurídico.

Tamén se suspenden aquelas actividades culturais ou deportivas que non poidan celebrarse ao aire libre ou que conleven afluencias masivas de persoas.

Comentarios