Imprimir

O reto dunha conta atrás case perfecta

El Progreso de Lugo | 18 de enero de 2020

Powell levanta o balón ante Maxwell, do Almansa, a pasada semana. SEBAS SENANDE
Powell levanta o balón ante Maxwell, do Almansa, a pasada semana. SEBAS SENANDE
O Breogán recibe este sábado ao irregular Tau coa meta de rearmarse ante unha segunda volta á que chega en desvantaxe fronte aos seus rivais

A visita do Tau Castelló, este sábado ás 20.00 horas, no Pazo dos Deportes de Lugo, abre a segunda volta de competición na LEB Ouro para o Leche Río Breogán, unha segunda parte na que o conxunto lucense parte en desvantaxe con respecto aos rivais directos, aqueles que aspiran á primeira posición. Tres derrotas máis que o líder, o Carramimbre Valladolid, ou dous máis que o Gipuzkoa, á marxe duns averages complicados, son unha distancia máis que apreciable e que só permite unha lectura: non só os breoganistas terán que esperar os erros dos equipos que lle preceden na táboa senón que tamén deberán cumprir unha segunda volta case perfecta.

Desde o persoal, tanto o técnico, Diego Epifanio, como algúns xogadores así o manifestaron. Así, non descartan ningún obxectivo e móstranse convencidos de que nas próximas dezasete xornadas verase un Leche Río Breogán máis consistente e máis fiable. Non será cuestión de levarlles a contraria. Á fin e ao cabo, mentres haxa opcións haberá esperanzas. Pero neste discurso xa non teñen cabida para escusas e dilates porque a marxe para o erro xa practicamente non existe.

E esta é a primeira lectura non só ante o encontro deste sábado senón dos que quedan por xogarse, en especial no Pazo. Co recordo aínda vivo do sonoro patinazo da pasada xornada ante o Almansa, ao Breogán non queda outra que recompoñerse no encontro ante o Tau e isto non só implica gañar senón tamén facelo co xogo que debe de distinguir a un aspirante ao ascenso.

Suponse que a última derrota servirá, polo menos, para que non haxa o máis mínima físgoa para un exceso de confianza e que o pau que implicou aquel resultado negativo dilúa o recordo do sucedido no primeiro encontro de Liga, onde o conxunto breoganista pasou literalmente por enriba do seu rival deste sábado (68-91).

Ao Breogán non queda outra que recompoñerse no encontro ante o Tau

Nin que dicir ten que o de agora non terá nada que ver con aquilo. Salvo pola especial motivación que terán os xogadores de Toni Ten de ofrecer unha imaxe oposta á daquela tarde. O Tau, aínda cunha liña irregular durante toda a primeira volta —o que o levou a gañar ao Gipuzkoa e a perder tamén ante o seu público fronte ao Marín— evolucionou no seu xogo, como demostrou hai só sete días na cancha do Mallorca, onde só cedeu por dous puntos (78-76).

FRAXILIDADE DEFENSIVA. Esa melloría ten un claro epicentro no seu traballo defensivo. O rival do Breogán é un equipo cunha indubidable atracción cara ao xogo ofensivo, ás posesións curtas pero cústalle, está a custarlle —igual que ao seu rival—, mostrar esa solidez necesaria para defender o propio aro. O Tau é o equipo que máis puntos leva encaixados desde o inicio de competición (81,5 por encontro).

Das sete vitorias logradas polo equipo que, por décima cuarta tempada consecutiva dirixe Toni Ten e que o sitúan na duodécima praza da táboa, só tres foron conseguidas a domicilio, nas canchas de Almansa, Huesca e Canoe.

Individualmente, o seu máximo anotador é o estadounidense Wade Chatman, base que hai un par de tempadas visitou o Pazo co Valladolid, cunha media superior aos 13 puntos por encontro. O serbio Brano Dukanovic e o xogador cedido pola Valencia Josep Porto son as outras referencias exteriores.

O pivote, ex do Oviedo, Johan Van Zegeren é o terceiro anotador do equipo (9,2 de media) e o mellor reboteador con máis de seis capturas por partido.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/deporte-local-lugo/reto-conta-atras-case-perfecta/202001181152541417924.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)