Real instará ao pleno a arranxar o histórico reloxo da torre de Samos

O concelleiro propondrá restaurar os pendellos do campo da feira de Castroncán
undefined
photo_camera O reloxo data de principios do século XIX. AEP

O funcionamento do reloxo da torre de Samos será motivo de debate no pleno que a corporación celebrará o vindeiro venres a raíz dunha moción do concelleiro non adscrito, Xosé Real, quen insta a reparar esta histórica peza, avariada dende hai meses.

Segundo lembra o exedil de CxG, ese reloxo "vén acompañando a vida dos samanenses desde 1801", sendo tradición para moitas familias tomar as uvas en Fin de Ano coas súas badaladas.

"Para que o noso xa famoso acompañante non caia para sempre no esquecemento para vergoña de quen ten que velar pola súa integridade", Real solicita que se pidan os permisos correspon​dentes a Patrimonio para proceder á reparación deste reloxo, que na súa orixe pertenceu ao mosteiro.

O concelleiro tamén proporá ao pleno restaurar os pendellos do campo da feira de Castroncán, un mercado que tivo grande importancia no pasado e que aínda conserva estas construcións.

Ademais, pedirá ao Concello a concesión de axudas directas para cada neno e nena que naza no municipio xa que, segundo concreta, entre os anos 2000 e 2009 rexistráronse 879 falecementos en Samos mentres que o número de nacementos non chegou a 100.

No apartado de preguntas, interesarase pola compra de desfibriladores e pola colocación dun espello no cruce da Rúa da Torre coa Avenida de Compostela.

Comentarios