Porto: "Hai moitos músicos que levan meses sen percibir nada"

En xullo constituíase oficialmente a Asociación de Artistas da Verbena Galega (Asarvegal), unha entidade con sede en Parga (Guitiriz) e que preside José Manuel López, que busca unir aos milleiros de músicos e aos técnicos de son de toda Galicia para loitar xuntos polos seus dereitos
undefined
photo_camera José Manuel López, 'Porto'. MERCHE RODRÍGUEZ

Dende que hai máis de 30 anos se subía por primeira vez a un escenario coa orquestra Novedades de Rábade, o multiinstrumentista Porto —toca o saxofón, o piano ou a guitarra— converteuse nunha cara coñecida da verbena galega, pasando por varias orquestras ata incorporarse en decembro á Essencia de Pontevedra, coa que apenas tivo tempo de gozar do espectáculo antes de que se paralizase todo. Nacido en Parga, onde segue a vivir, Porto, que é militar na reserva e chegou a formar parte da banda militar da Coruña, tamén imparte clases de música na academia Piccolo da cidade herculina. Agora, pon en marcha a Asociación de Artistas da Verbena Galega (Asarvegal), nunha época extremadamente difícil para o sector.

Como xorde esta entidade?

É unha iniciativa de varios músicos, que comezamos a traballar nela ao decretarse o estado de alarma e paralizarse as actividades. Constituíuse oficialmente o 23 de xullo deste ano e polo momento só se designou a directiva, con representación de distintas provincias. Estou eu por Lugo; Xosé Eloy García Alonso, ‘Joselo’, guitarrista de Vigo, é o secretario; e Jesús Antonio Rivas González, trompetista de Boiro, é o tesoureiro. Aínda non temos socios, porque non nos parece o momento de que os músicos afronten gastos, por moito que a cota vaia ser simbólica, pero xa hai ao redor de 800 que amosaron a súa intención de unirse á asociación.

Quen ten cabida nela?

Non somos un sindicato, senón unha asociación, e o noso propósito é reinvidicar os dereitos dos músicos e dos técnicos de son. É a quen vai dirixida. Na asociación non teñen cabida os xefes das orquestras, porque eles cotizan noutro réxime e ademais en ningún gremio verás aos empresarios e aos empregados no mesmo colectivo. Houbo quen nos preguntou polos chóferes, polos montadores... e no seu caso o que ocorre é que as súas condicións de traballo e os seus dereitos son distintos aos nosos e tamén están noutro réxime de cotización, eles están no xeral e nós, no de artistas.

O noso propósito é reivindicar os dereitos dos músicos e dos técnicos de son

Que obxectivos ten a entidade?

O que queremos é que o músico estea protexido, asegurado e que teña un soldo coherente, porque non pode ser que un músico cobre 70 euros por unha noite cando a orquestra percibe 7.000. A asociación nace sobre todo para informar aos músicos da verbena dos seus dereitos, das súas condicións de traballo, dos tipos de seguro aos que pode optar... sobre todo para que o día de mañá poidan cobrar unha prestación axeitada. Por exemplo, no réxime de artistas cotízase por día, independentemente de que esteas todo o ano nunha orquestra e do tempo que lle dediques a preparativos, ensaios, etc. Iso non pode ser, hai xente que chega á xubilación con 30 anos traballados pero só dez cotizados.

Que necesidades detectan?

Neste momento, todas, porque non traballamos e, polo tanto, non ingresamos. Hai moita xente que leva dende que se paralizou a actividade sen percibir absolutamente nada, tendo en conta ademais que viñamos do inverno, cando hai menos traballo e que a maioría nin sequera cumprían as condicións para optar a un Erte, mesmo houbo a quen llo aprobaron pero despois tivo que devolver os cartos. E en xeral tampouco teñen dereito a paro nin opcións para buscar outro traballo, tal e como está todo. Os músicos están desamparados e a iso súmalle que hai empresarios que están cerca da ruína, con investimentos feitos que non poderán desempeñar porque non van facer tempada, e iso claro que tamén nos afecta. En Galicia hai máis de 200 orquestras, ponlle que cunha media de 15 integrantes, e a iso engádese todo o que vén detrás: talleres de reparación, tendas de música, pirotécnica, toldos, carpas... O sector da verbena está deteriorado totalmente e é moita a xente que depende del.

Os músicos están desamparados e a iso súmalle que hai empresarios que están cerca da ruína, con investimentos feitos que non poderán desempeñar porque non van facer tempada

Vese a luz ao final do túnel?

Non, porque non temos fe en que nos vaian dar axudas cando xa pasaron nove meses e non se fixo nada. Só hai unhas da Xunta para promocionar o Xacobeo..., onde? Fan falta axudas directas ao sector, non créditos, porque tampouco vai ser viable devolvelos, sobre todo despois do xerro de agua fría que supuxo o estado de alarma que decretou o Goberno ata maio, que sería o primeiro mes forte das orquestras. Se xa non hai case actividade, iso vai frear a todas as comisións de festas. Hai que ser conscientes de que a verbena é ocio e iso implica que seremos os últimos en volver á normalidade.

Malia a difícil situación, hai algunha iniciativa que queiran levar a cabo?

Unha das primeiras cousas que queremos facer é crear unha carteira de emprego xestionada pola asociación. Gustarianos ter unha listaxe de músicos e de técnicos para cubrir as necesidades das orquestras e das axencias de espectáculos, facilitando os contactos e a busca de traballo. E para recoller propostas queremos organizar pequenas asambleas en distintos puntos de Galicia. Tamén queremos que a Xunta nos teña en conta á hora de firmar o novo convenio, porque o actual está feito pensando nas orquestras de primeiro nivel e a realidade é que estas só representan un 5% da verbena galega.

Comentarios