Pontón critica que os partidos nacionais "veñen de guais" agora coa AP-9

A líder do BNG ironiza co feito de que a autoestrada se convertera nun "destino predilecto" en Semana Santa para o resto de formacións despois de "catro anos" sen facer nada

Ana Pontón participou nun acto á saída da AP-9 en Vigo. TWITTER
photo_camera Ana Pontón participou nun acto á saída da AP-9 en Vigo. TWITTER

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este venres que só a través dos seus deputados en Madrid hai "garantía" de que o 28 de abril "comezará a conta atrás" para a transferencia da AP-9 a Galicia, fronte a unhas forzas estatais que "veñen de guais" á Comunidade para "prometer" en relación a esta infraestrutura "o que non fixeron en catro anos". 

Nun acto simbólico na saída da AP-9 en Vigo, tras manter unha reunión coas asociacións de veciños de Teis e Chapela, Pontón ironizou co feito de que a AP-9 se converteu en Semana Santa en "un destino predilecto" para as forzas políticas estatais, que veñen facer "turismo electoral". 

Pontón defende que "só un BNG decisivo" nun Congreso "sen maiorías absolutas" garante o "acabar con este espolio"

"Que fixeron estes catro anos? Onde estaba Ana Pastor? Na Mesa do Congreso vetando o debate da AP-9, Onde estaba Pilar Cancela?, calada mentres o seu candidato Pedro Sánchez subíanos a estafa das peaxes dúas veces en oito meses, Onde estaba Yolanda Díaz?, apoiando un recortazo de 750 millóns nos peores orzamentos para Galicia en 17 anos. Este é o legado das forzas estatais nesta lexislatura", criticou Pontón. 

Nesta situación, a líder nacionalista subliñou que "só un BNG decisivo" nun Congreso "sen maiorías absolutas" garante o "acabar con este espolio" e puxo como exemplo do que pode facer unha "forza política propia e sen ataduras" a transferencia a Euskadi da AP-68.

"Esta lexislatura tamén nos deixou o retrato de que si é posible facer as cousas doutra forma con forzas políticas propias sen obediencia a Madrid. O PNV deu unha lección a todos os deputados electos por Galicia de que cando se pensa nos intereses da súa sociedade, do seu país, é posible conseguir logros", resolveu. Por iso, comprometeuse a "utilizar a forza" que "dean os galegos" ao BNG para "acabar coa estafa das peaxes na AP-9".

SEN BENEFICIOS. Tras o encontro con representantes veciñais de Teis e Chapela, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, afirmou que o paso da AP-9 por esta zona é un "exemplo" de "o mal que se xestionan" as infraestruturas "desde Madrid", con dúas parroquias "sometidas a contaminación acústica e doutros tipos" sen "recibir a cambio nin o beneficio dun acceso sen peaxes". 

"As comunicacións teñen que servir para unir e non, como no caso de Teis e Chapela, para crear un muro de incomunicación. Isto hai que resolvelo porque é un tramo urbano dunha infraestrutura que debe ter tratamento urbano e condicións acústicas e de seguridade propias dun tramo urbano", dixo Da Silva. 

Destacou, así mesmo, que "hai motivos evidentes" para "retirar a peaxe" de forma específica neste tramo. "Porque non coñezo ningunha outra cidade no Estado onde nunha vía de entrada á cidade os veciños teñan que pagar permanentemente", engadiu. 

Comentarios